Presos nun balbordo informativo?

”Chámame poderosamente a atención o enorme rebumbio informativo que hoxe está presente na nosa sociedade, precisamente no momento en que o acceso ás fontes é verdadeiramente de outra galaxia respecto a tempos pretéritos".

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 08/12/2021

Comparte esta noticia

Saúdolles con agarimo neste último artigo do 2021. Si, porque estamos xa nas derradeiras semanas dun ano que, igual que o anterior, a ninguén deixará indiferente. Difícil, eh? É o que teñen estes tempos posmodernos,  nos que, de xeito paradoxal, a existente dinámica a escala mundial nalgúns eidos, como o económico, non é correspondido de igual forma noutros ámbitos como, por exemplo, o do tratamento de determinados problemas igualmente planetarios e as súas posibles solucións.

Ben, o caso é que seguimos no medio dunha situación de certa anguria colectiva, no que a pandemia causada polo patóxeno SARS-CoV-2 e a súa enfermidade asociada, a Covid-19, teñen moito que ver. Pero non vaian pensar que todo o noso desenfoque vén de aí. Non, ho! Xa moito antes isto daba mostras de esgotamento, de polarización social extrema ou de moita máis falta de equidade. E, de tal xeito, precisaba algún retoque. Xa non digo un novo paradigma, que non sei se si ou se non. Pero, polo menos, algúns cambios que tivesen como consecuencia máis paz social, unha maior aglutinación da sociedade, menos fractura da mesma e, sobre todo, bastante máis alegría.

E, no medio de toda esta leria, chámame poderosamente a atención o enorme rebumbio informativo que hoxe está presente na nosa sociedade, precisamente no momento en que o acceso ás fontes é verdadeiramente de outra galaxia respecto a tempos pretéritos. Xa non é que sexa moi rápido e fácil, que tamén. Sobre todo, que temos á nosa disposición, a calquera hora, miles de miles de posibilidades para estarmos informados, e incluso para afondar en mil temáticas. Pero, aínda así, isto non vai á hora de traducir tal realidade a un mellor nivel de formación e información das persoas.

Sobre isto reflexiono hoxe con vostedes, aínda que sei que é un tema complexo, e de múltiples caras. Seguramente moitos dos que van dicindo cousas raras por aí atoparon tal nicho de mercado, co que fan o seu agosto particular, xa sexa vendendo “terraplanismo”, homeopatías diversas ou cousas parecidas. Outros desfrutan con iso dun certo nivel de rebelión contra o que consideran “o sistema”, incluíndo neste todo o que ten que ver co paradigma da ciencia normal en cada momento. Parécelles que é bárbaro e estar fóra da “Doxa” cuestionar o papel das máscaras para evitar a transmisión da Covid ou aquilo de inxerir lixivia para curar todos os males...

Tamén hai quen mestura allos con bugallos e, no seu caletre, fala do que non ten nin un pequeno verniz. Volvo aos “terraplanistas” para indicar que, desde a Física, é evidente que calquera corpo das dimensións da Terra ten que ser cuasiesférico, apelando á máis elemental simetría. Dito doutra forma, non é necesario ver o planeta desde o espazo, poñamos desde a Estación Espacial Internacional, para reparar na súa necesaria esfericidade. Non. Que existise calquera outro tipo de forma máis chá implicaría o privilexio dunha coordenada espacial sobre as outras. E iso non é simétrico coa lóxica da Lei da Gravidade. É por iso que non paga a pena loitar contra quen, convencido e con argumentos xerais que tanto valen para isto como para cuestionar ao forno microondas, fala por falar. É mellor mandalo a tomar vento e... seguir mirando ao mar.

En fin, que dá moita pena que calquera “influencer” novo e guapo teña máis capacidade de crear escola en temas dos que fala de ouvidos e non sabe “res de res” que persoas rigorosas e preparadas, avaladas pola súa praxe investigadora e a súa incontestable folla académica. Si, é unha mágoa que sexan os primeiros os que están marcando o ritmo da nosa xuventude en aspectos nos que non só son leigos, senón nos que actúan moitas veces movidos por intereses pecuniarios ou por tolemias de moi difícil explicación. Son os tempos do que en inglés chaman “fake news”, ou do que xa o xenial Orwell bautizou como “intrahistoria” nalgunha das súas máis senlleiras novelas. Un relato moitas veces falaz e feito á medida do orador, no que os que teñen máis intereses en engaiolar aos outros ou en modelar os feitos da historia son verdadeiros especialistas.

Tempo pois de liorta informativa na era de internet, na que se supoñía que todo ía ser máis claro e diáfano, culto e mellor. Pero non, seguimos cunha enorme porcentaxe de poboación que di con orgullo que “xamais le un libro”, privándose pois das reflexións e da sabedoría do pasa, e querendo construír o presente e máis o futuro simplemente a partir das súas particulares sensacións, emocións ou querenzas. Unha peniña, non?

Unha persoa utiliza o seu mando da televisión para buscar canles. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo
Unha persoa utiliza o seu mando da televisión para buscar canles. Ricardo Rubio - Europa Press - Arquivo

jl_quintela_j@telefonica.net

Da sección: “Mirando ao mar”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.