Piden seis anos de cárcere para un acusado de agredir sexualmente a unha nena

Tamén piden que se lle prohiba achegarse a ela durante sete anos e que a indemnice en 3.250 euros a través da súa nai.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/12/2021 | Actualizada ás 17:17

Comparte esta noticia

A Fiscalía pide seis anos de cárcere para un acusado de bicar e tratar de realizar tocamentos a unha nena de seis anos ao que se xulgará este venres na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

O xuízo fora previsto inicialmente para o pasado mes de xuño, pero a ausencia do procesado supuxo o seu adiamento ata o pasado luns. Dado que nesa data tampouco se presentou, a Audiencia ditou unha orde de procura, captura e ingreso en prisión co fin de garantir a súa comparecencia no día para o que volvese sinalarse a vista.

Segundo recolle o Ministerio Público no seu escrito de acusación, os feitos tiveron lugar o 17 de abril de 2019 sobre as 21,25 horas, cando o procesado viu a unha nena de seis anos de idade, que ía co seu irmán de oito, entrar no portal dun inmoble.

Así, "coa intención de satisfacer as súas intencións lúbricas", meteuse no portal detrás deles. Unha vez dentro, o acusado "agarrou fortemente polo pescozo" á menor, "bicouna na boca" e "meteu a súa man por baixo da saia para tocarlle as súas partes íntimas", aínda que non o conseguiu ante a rápida intervención da parella da nai, que ía detrás dos nenos.

Como consecuencia, a nena sufriu lesións, mentres o Xulgado de Instrución 7 de Vigo acordou a prohibición de comunicación e achegamento do acusado a ela durante a tramitación da causa. O procesado presenta trastorno de personalidade con trazos psicopáticos con comportamentos impulsivos con trastorno de control de impulsos que determinan afectación da capacidade de obrar por unha diminución leve da capacidade volitiva.

O Ministerio Fiscal considera ao acusado autor dun delito de agresión sexual a menor de idade en concurso ideal cun delito leve de lesións, polos que reclama que sexa condenado a seis anos de cárcere e que se lle impoña o pago dunha multa de máis de 800 euros. Tamén pide que se lle prohiba comunicarse coa nena ou achegarse a ela durante sete anos e que a indemnice en 3.250 euros a través da súa nai.

xulgados de Viveiro
xulgados de Viveiro | Fonte: google maps

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta