Allariz: creatividade e reciclaxe contra malgasto e 'lucerío'

O concello vén de estrear a súa decoración de Nadal con 12 espazos 'de postal' esparexidos pola vila. Para dinamizar o comercio local “O Peto dos Desexos” sorteará catro premios de 250 euros entre a clientela do comercio e a hostalería da localidade.

Por X.M. Fernández | Allariz | 08/12/2021 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

O pasado venres 3 de decembro quedaba rematada a decoración de Nadal do Concello de Allariz. Cando case todo o mundo se une á moda Caballero, onde prima a ostentación e o lucerío, a vila ourensá vai por outro camiño apostando pola sustentabilidade e a orixinalidade. Os decorados están creados con material reciclado e feitos a man.

Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF
Decoración de Nadal en Allariz. Foto: XMF

Unha decoración alternativa que se atopa en 12 escenarios espallados pola vila converténdoa un ano máis nunha auténtica postal. Con diferentes temáticas e elementos que destacan pola súa creatividade, podemos atopar os seguintes espazos: Polo Norte e Polo Sur, Minimundo, Bambán, Apalpador e granxa, Gaiolas, Estación de tren, Castelo e pista de esquí, Un trineo no bosque, Animalario, Allariz de postal, Mercado con noria e Mercado con tiovivo.

“Vive un Nadal diferente”, así reza o lema promocional do Concello de Allariz que convida a visitar por estas datas a vila, animando ademais a que a xente comparta as súas fotos nos diferentes espazos.

"EN NADAL, MERCA NO COMERCIO LOCAL"

Este é o lema da campaña que desenvolverán o Concello de Allariz, xunto co comercio e hostalería, para incentivar as compras locais durante o Nadal.

O castelo, un dos espazos. Foto: M.M.
O castelo, un dos espazos. Foto: M.M.

A iniciativa “O Peto dos Desexos”, que funciona moi ben dende a súa creación, sorteará catro  premios de 250 euros entre a clientela do comercio e hostalería da localidade. Os e as participantes deberán xuntar tíquets de compra ata alcanzar un valor de 30 euros e depositalos xunto coa tarxeta dos desexos nun dos Petos situados no alto do Portelo ou na entrada da Alameda. O sorteo público terá lugar o luns 10 de xaneiro ás 11:30 h. diante do devandito Peto dos Desexos.

Máis avantaxes por consumir na vila. A partir do 17 de decembro a concellería de Comercio porá en circulación 6000 rascas por cada compra por valor de 30 euros para conseguir 1500 euros en premios en vales de 25 euros directos.

E non queda aquí a cousa, todas aquelas persoas que realicen as súas compras no Mercado da Reserva da Biosfera dende o sábado 11 de decembro ata o sábado 8 de Xaneiro, poderán participar no sorteo dun lote de produtos do mercado da reserva e 250 euros para mercar no comercio local.

Detalles da decoración de Nadal. Foto: M.M.
Detalles da decoración de Nadal. Foto: M.M.
O Apalpador noutro dos espazos. Foto: XMF
O Apalpador noutro dos espazos. Foto: XMF
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 cesc

Que marabilla ;)