Caballero insiste na súa estratexia de criticar á nova dirección a pesar dos chamamentos á unidade

"Creo que hai que facer congresos con total plenitude democrática", asegura.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2021 | Actualizada ás 15:28

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, acusou ao presidente do XIV Congreso Nacional, Xosé Sánchez Bugallo, de "pór trabas democráticas" para presentar candidaturas ao comité nacional e ao federal.

O que foi secretario xeral do PSdeG durante os últimos catro anos pronunciouse deste xeito en declaracións aos medios tras tratar de tomar a palabra no plenario, unha petición que non foi atendida polo presidente.

"Acábase de abrir un tempo para presentar candidaturas aos órganos nacionais ata as 11 da noite e non sabemos cales son os membros que teñen que estar na candidatura, se son 50, 100 ou 400", sostivo Caballero, que asegurou que se trata dunha "aclaración fundamental" para o "bo devir" dun proceso democrático.

Gonzalo Caballero dixo que "se non se informa ao conxunto do plenario do número de persoas que ten que estar na candidatura resulta difícil configurar a mesma". "Creo que hai que facer congresos con total plenitude democrática e espero que este tamén o sexa, que se respecten todas as normas, porque eu lembro aínda un congreso no que, cando houbo que contar os votos, alguén levou a urna a un despacho pechado", sinalou.

Fronte a iso, reclamou un congreso "democrático". "Queremos que as regras se fagan públicas, porque é difícil poder presentar unha candidatura de aquí ás 11 da noite se non se din as regras do xogo", insistiu.

O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, trata de tomar a palabra no XIV Congreso Nacional do PSdeG
O portavoz parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, trata de tomar a palabra no XIV Congreso Nacional do PSdeG | Fonte: Europa Press

Tras incidir en que "é evidente de que se trata dunha traba para o funcionamento democrático", asegurou que "o novo secretario xeral sempre dicía que ía haber tempo en todos os procesos para poder configurar as cousas". "E pedímoslle que esta é unha garantía que hai que respectar", reclamou para trasladar que mentres el mesmo estivo á fronte do partido sempre se respectaron "as normas".

Gonzalo Caballero dixo que acode ao congreso coa "mellor vontade construtiva" e cargou contra "as negociacións de despacho" que tratan de "furtar a vontade da militancia".

"O PSdeG non pode ser o xoguete de ninguén, nin do secretario de Organización da provincia da Coruña nin de ningún compañeiro porque o PSdeG é da militancia e hai que respectar as normas", argumentou Gonzalo Caballero, que considera que "estes rodetes" non son unha "forma prudente nin democrática de abordar os retos".

Por último, insistiu en que o PSdeG debe ser "un exemplo de democracia interna" e que esta debe mostrarse con "transparencia" e deixando claras as "regras do xogo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta