Arquivada a denuncia contra o presidente de Ence polo vídeo no que fala da posibilidade dun "susto ambiental maiúsculo"

A denuncia fora presentada polo PSOE.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/12/2021 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

A Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra arquivou a denuncia presentada contra o presidente de Ence, Ignacio de Colmenares y Brunet, por alertar a través dun vídeo interno que ía dirixido aos traballadores da compañía sobre a posibilidade dun "susto ambiental maiúsculo".

Ignacio Colmenares, CEO de Ence
Ignacio Colmenares, CEO de Ence | Fonte: Europa Press.

"En Pontevedra, con esa caldeira de recuperación e esa caustificación inestable, podemos ter un susto ambiental maiúsculo en calquera momento, que pode afectar ademais as persoas", foron as súas palabras, en referencia á fábrica de Lourizán se non se executaban os investimentos de mantemento e melloras previstas como consecuencia da anulación da prórroga da concesión.

A denuncia fora presentada polo PSOE. Con anterioridade, o pasado mes de marzo, o Xulgado de Instrución número 2 de Pontevedra non admitira a trámite a denuncia interposta pola Asociación pola Defensa da Ría (APDR) por este vídeo.

Durante este tempo, o fiscal xefe de Pontevedra, Juan Carlos Aladro, tomou declaración como investigado ao presidente de Ence e solicitou informes ao Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da Garda Civil, á Consellería de Medio Ambiente da Xunta e ao Ministerio para a Transicion Ecolóxica.

Na súa declaración, Colmenares asegurou que a mensaxe do vídeo fora sacada de contexto e que a fábrica de Lourizán opera con totais garantías de seguridade.

En base a todas as dilixencias practicadas, o fiscal xefe concluíu que estes feitos non teñen ningún tipo de reproche penal por delito ambiental e decidiu arquivar as actuacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta