A fiscalía investiga o aluguer duns terreos para a planta de compostaxe do Concello de Pontevedra

A Fiscalía requiriu ao Concello toda a documentación administrativa que consta no expediente deste contrato para analizar todos os detalles e comprobar se, como aseguran os populares, existe algún tipo de irregularidade ou ilícito penal.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2021 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

A Fiscalía está a investigar o contrato de aluguer duns terreos asinado en 2015 polo Concello de Pontevedra coa Comunidade de Montes da Canicouva para situar alí a planta municipal de compostaxe.

O Ministerio Público actúa por mor dunha denuncia presentada o pasado 9 de novembro polo Partido Popular de Pontevedra, tal e como explicou este xoves en rolda de prensa o seu portavoz local, Rafa Domínguez.

A Fiscalía requiriu ao Concello toda a documentación administrativa que consta no expediente deste contrato para analizar todos os detalles e comprobar se, como aseguran os populares, existe algún tipo de irregularidade ou ilícito penal.

O portavoz do PP lembrou que o Concello de Pontevedra paga 20.000 euros ao ano á Comunidade de Montes da Canicouva por esta parcela, "sen tan sequera iniciar o estudo para a dita planta", polo que entende que se cometeron os delitos de prevaricación e malversación de caudais públicos.

Argumenta que unha cláusula do contrato coa comunidade de montes indica que este se extingue ao catro anos se non se construíu a planta nese tempo. Pregúntase tamén "que fixo a comunidade de montes con ese diñeiro en todo este tempo". "Tiráronse 100.000 euros de todos os pontevedreses en alugar terreos que non se usan", engadiu Rafa Domínguez.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Por parte do goberno local, o concelleiro César Mosquera defendeu a actuación do Concello de Pontevedra neste contrato que segue en vigor e indicou que a Fiscalía "pode investigar o que queira" acerca deste expediente porque "non van atopar nada".

César Mosquera lembrou que o contrato de aluguer recolle que se prorroga automaticamente e seguirá en vigor indefinidamente se unha das partes non o denuncia.

O edil nacionalista subliñou que o contrato e a súa prórroga contan cos informes favorables dos funcionarios municipais e apuntou que o Concello de Pontevedra mantén os seus plans de construír a planta de compostaxe neses terreos en 2023.

Xulgados
Xulgados | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta