PPdeG e BNG votan en contra da iniciativa socialista de crear unha rede de bosques autóctonos

Os populares e os nacionalistas non consideran que exista un problema respecto da cantidade de masas forestais na Comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/12/2021 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Os grupos popular e nacionalista votaron este venres en contra da Proposición Non de Lei presentada este xoves no Pleno do Parlamento de Galicia na que instaban á Xunta de Galicia a crear unha rede de bosques autóctonos públicos en Galicia que permita dispor de, "como mínimo", un por concello. A PNL, presentada polo deputado Pablo Arangüena, busca a "conservación, mellora e posta en valor dos bosques autóctonos xa existentes e a creación de novos, en caso de non existir, partindo da adquisición de terreos e da plantación de árbores".

"Galicia, a pesar de ter unha gran superficie forestal, está a perder os seus bosques autóctonos de forma acelerada en gran parte do seu territorio", alertou o socialista, tras o que pediu que estes teñan "prioridade nas políticas públicas dun país civilizado do século XXI, en liña co dereito constitucional a un medio ambiente apropiado para o desarrolllo da persoa".

Neste sentido, puxo como exemplo as Fragas do Eume que, a pesar de ser "un dos bosques máis importantes de Galicia", atópase "asediado" e "invadido" por unha especie invasora, o eucalipto. "Tanto é así que o bosque autóctono neste espazo só ocupa o 32% na actualidade, cando no ano no que se creou o parque ocupaba o 40%", remarcou.

O socialista abordou tamén a súa utilidade na loita contra o cambio climático e asegurou que os bosques son "o instumento máis importante, barato e efectivo do que dispón a humanidade para loitar contra a crise climática".

Doutra banda, sinalou que o sector forestal representa máis do 3% do PIB de Galicia e é unha actividade económica que ocupa a máis de 70.000 persoas. "Por se soa, é a novena potencia forestal europea e produce a metade da madeira que se corta en España, unhas magnitudes que se conseguiron a pesar da desidia pública e de que un terzo do monte galego é improductivo", subliñou.

PPdeG e BNG, CRÍTICOS

A popular Elena Candia, pola súa banda, asegurou que utilizar a palabra deforestación "non é xusto nin coa realidade nin coas paisaxes galegas". "Os bosques autóctonos son o sinal de identidade de Galicia", asegurou tras retar ao deputado socialista a enumerar 10 localidades que non conten cunha masa forestal deste tipo.

Con todo, subliñou a necesidade de mandar mensaxes de "respecto ao medio ambiente e de protección das masas frondosas", aínda que non da forma que suxiren os socialistas. É por ese motivo que os populares propuxeron unha emenda similar ao que se recolle na planifiación forestal autonómica, "que en moitos puntos coincide co sinalado polo PsdeG". Candia incidiu en que a súa proposta é máis "respectuosa" cos Gobernos locais, dado que "sendo o 97% dos montes de propiedade privada" é complicado cumprir o que piden os socialistas.

Nestes termos tamén se expresou a deputada nacionalista María González, que aseverou que o problema respecto das masas forestais non é "a cantidade, senón a calidade". Así, explicou que nos últimos 50 anos, a superficie de arboredo incrementouse na Comunidade nun 45%, segundo o último inventario forestal de 2019.

González apuntou a que o problema se atopa máis no aproveitamento dos montes e acusou ao grupo socialista de presentar unha proposta "urbanita", de "quen ve o rural como un parque temático". Finalmente, e tras rexeitar os socialistas a emenda do grupo popular, a iniciativa foi rexeitada con 60 votos en contra e 14 a favor.

Bosque autóctono de Galicia.
Bosque autóctono de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 José

Si, si, urbanita e eu diría que pija, como a Pontevedra do Sr. Lores do BNG