Carmela Silva, sobre a dimisión que lle pide o PP: "O lixo déixoo para Rueda e Feijóo, que é onde lles gusta estar"

Os 'populares' xustican a súa petición na ratificación por parte do Tribunal Supremo da condena a un ex funcionario do Concello de Vigo por enchufar a cuñada da mandataria provincial, pero a presidenta da Deputación non foi investigada na causa.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 10/12/2021 | Actualizada ás 15:45

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, evitou responder a petición de dimisión de todos os seus cargos que esixe o PP despois da ratificación por parte do Tribunal Supremo da condena a un ex funcionario do Concello de Vigo por ter "enchufado" á cuñada da mandataria provincial.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva | Fonte: Deputación de Pontevedra.

"Eu non me vou embarrar no lixo no que vive o Partido Popular", dixo Silva, a preguntas dos xornalistas este venres na rolda de prensa posterior á xunta de goberno provincial.

"O lixo déixoo para o señor (Alfonso) Rueda e para o señor (Alberto Núñez) Feijóo, que é onde lles gusta estar, embarrándose aí, e ademais son os que están a dar as instrucións a esta xente", engadiu.

A presidenta remitiuse ás declaracións do deputado portavoz do grupo socialista na institución provincial, Carlos López Font, nas que cualificaba a actuación dos populares de "noxenta campaña de persecución" contra a presidenta.

López Font incidiu en que Silva non foi investigada na causa que agora acaba de confirmar o Tribunal Supremo condenando a máis de 5 anos de cárcere a un funcionario vigués que promoveu a contratación da cuñada da presidenta pontevedresa nunha concesionaria municipal.

"Font fixo declaracións e eu asumo esas declaracións como a verdade absoluta", apuntou Carmela Silva sobre a petición dun pleno extraordinario presentada este venres polo PP no rexistro da deputación para pedir á presidenta explicacións e esixir a súa dimisión por este asunto.

Neste sentido, a presidenta lembrou que no ano 2019 o PP xa solicitou un pleno extraordinario e "xa se rexeitou por parte do secretario cun informe potentísimo dicindo que soamente se tratan nos plenos as cuestións que teñen que ver coa actividade política e administrativa".

A mandataria socialista lembrou que "son os corpos técnicos da Deputación quen elaboran os documentos, sempre tendo en conta que se cumpra a legalidade".

"Non sei o que vai escribir o secretario pero xa o escribiu no ano 2019. Eu non vou ter nada que ver no informe que faga o secretario", subliñou Carmela Silva, quen engadiu que "o secretario é un habilitado nacional que non mo consentiría". "A min non se me ocorrería meter a man onde non debo", apostilou.

A presidenta da Deputación de Pontevedra acusou o PP de "gustarlle os circos" e remarcou que ela "non" vai entrar niso.

"Esta presidenta dedícase a gobernar, con transparencia, con respecto ás normas e á lei, con moito orgullo do traballo que realiza o meu goberno e con moito orgullo do traballo que eu realizo que, con humildade dígoo, é un extraordinario traballo. Seguramente iso moléstalle a algunha xente", espetou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riuriu

La marquesa de Toralla sigue campando por sus fueros. Y habrá infelices que todavía piensen que el PSOE representa a la clase trabajadora.