O portavoz do PSdeG na Cámara será unha persoa que comparta "integramente" a mensaxe de Formoso para Galicia

O secretario xeral dos socialistas di que o seu antecesor, Gonzalo Caballero, ten "un papel que xogar para dar solidez" ao proxecto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/12/2021 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destacou que o novo portavoz da súa formación na Cámara galega "será unha persoa que comparta integramente" a mensaxe que a nova dirección socialista quere "mandar a Galicia".

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha entrevista na TVG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, nunha entrevista na TVG | Fonte: TVG.

O xefe de filas dos socialista galegos pronunciouse deste xeito nunha entrevista concedida á Televisión de Galicia, na que sinalou tamén que o anterior secretario xeral, Gonzalo Caballero, ten "un papel que xogar para dar solidez" ao proxecto.

"Ten un papel que xogar para dar solidez a este proxecto. De achegar desde a súa experiencia, e con todo o respecto e colaboración, vai ser un compañeiro en disposición de achegar", sostivo.

Formoso, que insistiu en que o nomeamento da nova persoa será abordado pola nova executiva, puxo en valor o papel do municipalismo na nova dirección do PSdeG. "Ao socialismo dáselle moi ben tratar coa cidadanía, e por iso gobernamos practicamente todas as cidades galegas, e máis do 60% da poboación galega está gobernada por un socialista ou unha socialista", sinalou.

González Formoso deixará de ser secretario xeral do PSdeG na provincia da Coruña, pero no que respecta ao resto de cargos --é alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña--, sinalou que "teñen un compoñente de compromiso persoal e co territorio" que escolle a un. "E son valoracións que terei que facer", dixo.

Por último, preguntado sobre se se presentará ás eleccións autonómicas, sinalou que cando dá un paso, dáo "con todo o compromiso". "E neste partido a democracia impera, e a través das primarias seleccionamos a quen será o compañeiro ou compañeira que represente ao socialismo galego", dixo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta