A sexta onda da Covid en Galicia: máis de 1.000 novos contaxios e case 300 persoas nos hospitais

Os enfermos ingresados en UCI soben a 49, mentres os ingresos en 'planta' ascenden a 243. Xa son 12.200 os contaxiados.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 13/12/2021 | Actualizada ás 12:03

Comparte esta noticia

A evolución da pandemia de Covid en Galicia segue sumando casos nesta sexta onda e, tras máis de mil novos contaxios, hai 12.221 persoas coa enfermidade activa, das que 292 permanecen hospitalizadas (49 en Unidades de Coidados Intensivos), e outras 11.929 recupéranse nos seus domicilios.

Así se reflicte no informe feito público este luns pola Consellería de Sanidade, con datos recollidos ata as 18,00 horas do domingo, e no que figuran 12.221 casos activos de Covid-19, 569 máis que o día anterior. Segundo o devandito informe, nas últimas 24 horas rexistráronse 1.070 contaxios novos, e os casos activos incrementáronse en todas as áreas sanitarias.

Así, a área de Vigo segue á cabeza con 3.885 persoas enfermas (154 máis) e, nas últimas 24 horas, notificáronse 298 contaxios novos; Ourense, Verín e Barco de Valdeorras rexistra 2.708 casos activos de Covid (51 máis), tras 212 novos contaxios; séguelle a área de Pontevedra-O Salnés, con 1.858 casos activos 162 máis) e 205 novos contaxios.

Na área sanitaria da Coruña-Cee hai 1.719 casos activos (133 máis) e notificáronse 177 contaxios novos; na área de Santiago e A Barbanza son 826 casos activos (50 máis) e 83 contaxiados máis; na área sanitaria de Lugo hai 749 casos de Covid (14 máis) e 60 novos contaxiados; e na área de Ferrol, os casos activos ascenden a 476 (5 máis) e confirmáronse 35 novos contaxios.

HOSPITALIZADOS

A presión hospitalaria en Galicia tamén se incrementou nas últimas horas, con 18 persoas máis ingresadas en unidades convencionais, ata un total de 243. Nas Unidades de Coidados Intensivos de Galicia hai 49 enfermos, un máis que hai un día.

O maior incremento na presión produciuse na área sanitaria de Vigo, que pasou de ter 75 pacientes ingresados en 'planta' a contar con 90, o que supón 15 enfermos máis. O resto de cambios nos ingresos en 'planta' correspóndense ás áreas da Coruña (3 persoas máis en unidades convencionais), Lugo (un máis), e Santiago (2 máis); mentres que reduciron os seus pacientes en 'planta' as áreas de Ourense (2 menos) e Ferrol (un menos).

Con respecto aos enfermos máis graves, as áreas sanitarias mantéñense sen cambios, excepto a de Ferrol, onde ingresaron 2 persoas en UCI (ata agora non había ningunha), e a de Pontevedra, onde os pacientes críticos baixaron de 7 a 6.

Deste xeito, na área sanitaria de Vigo mantéñense 20 enfermos de Covid en UCI; na área de Ourense son 7 os pacientes en UCI; outros 6 están na de Pontevedra; hai 5 pacientes críticos na área de Lugo, e o mesmo número na área de Santiago; na área da Coruña son 4 enfermos en UCI; e na área de Ferrol, 2.

POSITIVIDADE

Segundo os datos facilitados este luns por Sanidade, o índice de positividade nas probas PCR (o número de casos positivos por cada 100 probas realizadas) situouse nas últimas horas no 14,8 por cento. Moi por encima do 5 por cento que a OMS fixa como limiar para dar a pandemia por controlada.

Ambiente do Nadal nas rúas e establecementos de Vigo (Pontevedra).. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Ambiente do Nadal nas rúas e establecementos de Vigo (Pontevedra).. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta