Feijóo defende vacinación con terceiras doses a menores de 60 en Galicia

Confía en que a aprobación na Comisión de Saúde Pública sexa "cuestión puramente de trámite".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu este luns o arranque da vacinación coa terceira dose a persoas menores de 60 anos, a pesar de que a Comisión de Saúde Pública aínda non o aprobou. "Ou parabamos e non faciamos nada, ou seguimos traballando. E o que decidimos foi seguir traballando", explicou.

En declaracións aos medios á entrada da gala dos Premios Artesanía de Galicia 2021, en Santiago, Feijóo dixo que espera que "sexa unha cuestión puramente de trámite" que a próxima reunión da Comisión de Saúde Pública --onde están representadas as comunidades e o Ministerio de Sanidade-- dea luz verde a esta medida e a xeneralice "ao conxunto do Estado".

A pesar de que nun principio o presidente da Xunta asegurou que o Servizo Galego de Saúde o que fixo "foi citar" a cidadáns de 50 a 59 anos "para ir gañando tempo ao tempo", posteriormente recoñeceu que "pode haber persoas" que xa recibisen o reforzo "de forma inmediata".

"Pero entendemos que isto é o que corresponde e imos facer en todo o Sistema Nacional de Saúde", xustificou Feijóo, para seguidamente engadir: "Non creo que haxa moita diferenza entre 59 e 60 anos".

Ademais, defendeu esta medida porque Galicia ten nestes momentos "uns índices de positividade moi altos". "Necesitamos baixar eses índices e, por iso, preocúpanos moito gañar semanas de aquí a Nadal para ter o maior número de persoas inmunizadas coa terceira dose", recalcou.

Non en balde, o presidente da Xunta reivindicou que a galega é a comunidade que "máis vacinas de terceira dose" inoculou aos maiores de 60, colectivo que xa está "practicamente" finalizado, así como o reforzo para os que recibiran Janssen. "Por tanto, ou parabamos e non faciamos nada, ou seguimos traballando. E o que decidimos foi seguir traballando", concluíu.

Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19, a 19 de novembro de 2021, en Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press
Unha persoa recibe a terceira dose da vacina contra o Covid-19, a 19 de novembro de 2021, en Pontevedra. Beatriz Ciscar - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta