Desaloxados os pasaxeiros do tren de proximidade Ribadeo-Ferrol por un incendio na locomotora

Ningún pasaxeiro resultou ferido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

Un incendio rexistrado nos baixos da locomotora do convoi de proximidade que fai a ruta Ribadeo-Ferrol obrigou este luns a transbordar aos pasaxeiros e a establecer un plan alternativo de transporte por estrada. Todos os pasaxeiros resultaron ilesos.

Segundo informaron fontes do 112 Galicia e de Renfe, o incidente rexistrouse á primeira hora da mañá deste luns, cando o propio persoal de Adif comunicou a Emerxencias que se declarou un lume na parte baixa da locomotora.

O maquinista percibiu que saía fume pola zona inferior do tren e comunicou que se atopaba parado no apeadeiro do lugar de O Ponto, en Xubia. Ata o lugar desprazáronse efectivos dos bombeiros de Narón, que confirmaron a extinción do lume.

A falta de coñecer as causas concretas do incendio, todo parece indicar que se produciu por un chispazo externo, probablemente provocado por unha pedra na vía. Ese chispazo puido facer que se prendesen os residuos situados na zona do motor.

O pequeno lume non chegou a afectar o interior do vagón (no que viaxaban entre 7 e 10 pasaxeiros), onde non chegou sequera o fume, e non se rexistraron feridos. Ademais dos efectivos de bombeiros de Narón e Ferrol, o 112 Galicia deu aviso tamén á Policía Nacional, Policía Local e Protección Civil.

Os pasaxeiros do tren afectado foron trasladados aos seus destinos por estrada, mentres que a circulación pola vía férrea quedou momentaneamente interrompida, o que afectou a 4 convois de pasaxeiros (que tamén foron desprazados en medios alternativos). O tráfico ferroviario quedou restablecido ás 10,30 horas.

Tren de proximidade
Tren de proximidade | Fonte: Miguel Núñez

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta