O Camiño primitivo, nos tribunais

O Foro do Camiño primitivo recorre ao TSXG a delimitación oficial desta vía. "A delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada en decembro de 2012 constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia", denuncia.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/04/2014 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O Foro do Camiño Primitivo impugnou ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a través dun recurso contencioso-administrativo, a delimitación oficial desta ruta xacobea.

Ruta do Camiño de Santiago
Ruta do Camiño de Santiago | Fonte: Amigos do Camiño

 

"A delimitación oficial da vía xacobea máis antiga atenta contra os criterios de autenticidade e integridade na identificación da calzada histórica e a súa contorna cultural", dous requisitos contemplados pola lei que protexe os Camiños de Santiago. 

 

Ao seu xuízo, "a delimitación oficial do Camiño Primitivo aprobada en decembro de 2012 constitúe unha estafa a máis de 1.200 anos de historia, retidos na nosa memoria colectiva, e traizoa o sentido simbólico, identitario e conceptual do propio Camiño".

"Abandono" da Consellería de Cultura

Por iso, este colectivo solicitou amparo do TSXG e tamén "constata un claro abandono por parte da Consellería de Cultura" no que se refire ao "mandato legal de recuperación da traza orixinaria dos camiños de peregrinación", de forma que se adultera de forma drástica a definición do seu territorio histórico".

 

Nun comunicado, este colectivo denuncia que a Xunta deixa "sen a debida protección xurídica a gran parte dos seus valores culturais e ambientais". "A través deste documento, a Consellería de Cultura verifica a súa renuncia a investigar, recoñecer e recuperar as calzadas presuntamente apropiadas ou invadidas por terceiras persoas", denuncia.

 

Ao seu entender, "as irregularidades" son moi "numerosas en todo o percorrido" e ponse "en risco a proclamación do Camiño Primitivo como Patrimonio da Humanidade".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta