As relacións entre narcos, contrabandistas e altos cargos do PP

"Nené" Barral, Pablo Vioque, Manuel Díaz "Ligero", Alfredo Bea, José Manuel Vilas e Luis Jueguen Vilas ou Vicente Otero, "Terito", Marcial Dorado ou Martínez Señoráns son históricos contrabandistas ou mesmo ex narcos relacionados ou vinculados directamente ao PPdeG. Fraga, Louzán e Feijóo mantiveron encontros ou amistade con coñecidos contrabandistas.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/04/2014 | Actualizada ás 17:59

Comparte esta noticia

A amistade que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo co narco galego Marcial Dorado nos anos noventa non é un caso aillado dentro do PPdeG. Precisamente, militantes e mesmo dirixentes desta formación foron condenados por delitos de contrabando e de narcotrafico ao longo dos últimos 25 anos.

Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado
Nuñez Feijóo co narcotraficante e contrabandista Marcial Dorado | Fonte: El País

O propio Dorado fora detido pola súa vinculación co contrabando a finais dos oitenta. E a pesares diso, Alberto Núñez Feijóo mantivo unha amistade con el que se estendeu varios anos.

Louzán, Juan Luis Abal Piñeiro e Martíñez Señoráns

Non é o único caso de contrabandistas con amistades nas altas esferas do PPdeG. Outro deles agora "institucionalizado" é Ramiro Martínez Señoráns que, xunto co curmán segundo de Rafael Louzán, Juan Luis Abal Piñeiro; o deputado e inquilino de Louzán en varios negocios en Vigo, Severino Reguera, o empresario Manuel Castro Fariña e Cristóbal Monteagudo comparten non só a a propiedade da sociedade de investimentos galega Desarrollo Global Atlántico. Todos eles participan tamén en Lake Invest Empreendimentos Imobiliarios Ltda, unha inmobiliaria constituída no Brasil, segundo figura nas contas de Desarrollo Global Atlántico, depositadas no Rexistro Mercantil e as que accedeu GC.

En concreto, Lake Invest Empreendimentos Imobiliarios Ltda foi constituída en Eusebio, preto da cidade de Fortaleza, na costa noroeste do Brasil, en febreiro de 2011. A compañía brasileira foi creada prácticamente ao mesmo momento que a súa matriz galega. As súas contas son reveladoras. A actividade principal declarada é a "compra venta de accións, participacións ou valores". Malia non ter apenas actividade -non declara ningún empregado- os cinco socios foron ampliando capital sucesivamente até sumar un capital social de máis de 520.000 euros.

Dese medio millón, 471.000 euros é o valor que outorgan os auditores de Desarrollo Global Atlantic ás accións da brasileira Lake Invest Empreendimentos Imobiliarios Ltda. Noutras palabras, a sociedade radicada en Vilagarcía parece ter como única actividade importante os seus investimentos no Brasil.

Rafael Martínez Señoráns, Marcial Dorado e Sito Miñanco

Ramiro Rafael Martínez Señoráns, coñecido como Ramiro, formou parte, nos anos 80 do coñecido como Grupo ROS, un grupo de ex contrabandistas que operaba activamente na comarca da Arousa. Estaba integrado, ademais de polo propio Señoráns, polo ex contrabandista Olegario Falcón Piñeiro e o logo narcotráficante Ramón Prado Bugallo, coñecido como Sito Miñanco. Precisamente ROS son as iniciais de Ramiro, Olegario e Sito.

Nesa época na comarca da Arousa operaban outros dous grupos máis; o de Sito Torrado, integrado por Benigno Suárez GArcía, José Luis Alfonso Galáns e José Barreiro Fontán e o Grupo Marcial, dirixido por Marcial Dorado --que compartiu amistade co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo--, e no que estaban Manuel Suárez Nieto e Juan Lorenzo Lorenzo.

Os distintos clans contrabandistas movían o coñecido como Wiston de batea, tabaco de contrabajando. O Grupo Ros e o grupo de Marcial eran os máis activos. Dorado enviaba a Suiza preto de 200 millóns das antigas pesetas (arredor de 120.000 euros na época). Na época dos anos 70 estes grupos chegaron a mover uns 100.000 millóns das antigas pesetas (máis de seis millóns de euros na época).Segundo os investigaodres policiais, estes cartos puideron terse adicado a equipamentos, infraestruturas e servizos e a gran parte foi parar a paraísos fiscais.

O empresario Martínez Señoráns

Durante os noventa, mentres algúns destes capos se meteron á droga, outros, como foi o caso de Martínez Señoráns, "reformaronse" invertindo parte deses cartos en crear empresas. De feito, segundo o rexistro mercantil, o ex contrabandista figura, desde o ano 2003, como administrador único en tres empresas A Landra do Carballo SL, Grupo Montiño Noroeste SL e Sumapa SL, como administrador mancomunicado en Desarrollo Global Atlántico SL e como conselleiro e secretario de Wine Attitude SL. Na web da DOP Rías Baixas aparece como contacto da adega de Albariño Terras de Lantaño.

Manuel Cruz, o chófer da Xunta

Outro das pezas para entender a relación de destacados cargos da Xunta, incluído o propio Feijóo, con ex contrabandistas foi Manuel Cruz, chófer de conselleiros da Xunta e amigo do presidente da Xunta cando este era número dous da Consellería de Sanidade.

De feito, Cruz estaba introducido no longo entramado societario que vertebrara Marcial Dorado nos anos 80 e 90. O falecido conductor tamén aparece como socio único de Anfra Sistemas. O contrabandista Dorado sucedeu a Manuel Cruz como administrador único desta empresa en 2002. Segundo informou El País, un dos apoderados da empresa foi Juan Juncal Rodríguez, ex-alcalde de Ferrol e ex-senador polo PP.  Ao igual que Feijóo, Juncal é un 'fillo político' de Romay Beccaría e comparte co presidente da Xunta amizade hai moitos anos.

O accidentado Manuel Cruz tamén foi administrador único Combustibles Caldas Sociedad Limitada. Outro administrador desta empresa, segundo comprobou GC no Rexistro Mercantil, foi David Lages Abuín, cuñado do falecido capo do narcotráfico galego Pablo Vioque.

Pero os dous exemplos máis destacados da relación que existiu entre os populares e os xefes da droga ou do tabaco dos anos oitenta e noventa son Vicente Otero, "Terito" e José Ramón Barral, "Nené".

"Terito" e "Nené" Barral

"Terito" foi o auténtico padriño do tabaco na comarca de Arousa nos anos oitenta. Grazas ao tráfico de "cajetillas"  fíxose millonario e tamén unha persoa respectada e querida polos seus veciños. "Terito" formou parte do Partido Popular, partido que chegou a concederlle a medalla de ouro pola súa adicación.

Outro das grandes figuras do diñeiro negro do PPdeG foi "Nené" Barral, alcalde de Ribadumia por este partido durante dúas décadas e valedor durante moitos anos do actual presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Este dirixente popular tivo que dimitir na primavera de 2001, despois de que a Garda Civil o colleu cun cargamento de tabaco e foi imputado por fraude e evasión fiscal.

"Louzán aupado politicamente por un contrabandista"

Mesmo o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, acusou no Paralemento ao presidente da Deputación de Pontevedra de facer “carreira política” da man do Nené Barral, “destacado capo do contrabando en Galicia, militante do Partido Popular e condenado por delito fiscal". Ademais, engadiu, tiña depositados 2 millóns de dólares nas Illas Virxes e Hong Kong.

“Estes si que son antecedentes obxectivos”, dixo na Cámara e non as acusacións falsas ás que nos ten acostumados o Presidente da deputación de Pontevedra” porque así chegou a esta institución, “aupado por un capo do contrabando”.

"Ligero" e "Chito"

Pero ao longo dos últimos 25 anos existiron outros militantes e dirixentes non exentos de polémica. Un deles foi Manuel Díaz González, "Ligero", alcalde popular de A Guarda nos oitenta e amigo persoal de Manuel Fraga. Este ex rexedor amasou presuntamente a súa fortuna co contrabando de tabaco a Portugal. 

Tamén a comezos da pasada década era detido Ramón Longa Vidal, alcumado "Chito" e militante do PP en Vilagarcia de Arousa, nunha operación dirixida polo xuíz da Audiencia Nacional Juan del Olmo. A Policía relacionouno co contrabando de mil quilos de cocaína interceptados en Portugal. 

Pablo Vioque

Varios militantes do PP, que despois aparecerían citados con profusión en informes da policía e instrucións xudiciais, fixeron os seus primeiros pasos en política. Un dos casos máis sonados foi o de Pablo Vioque, secretario da Cámara de Comercio de Vilagarcía e militante de Alianza Popular na mesma cidade e, no seu día, moi vinculado ao entón vicepresidente da Xunta con Albor, Xosé Luis Barreiro.

Pablo Vioque, avogado de coñecidos narcos, caeu en desgraza cando a policía e a xustiza consideraron probado que xa non era un simple avogado e que estivera detrás dalgún alixo de cocaína. Na época de ouro do narcotráfico en Galicia -finais dos oitenta e os noventa--, Vioque traballaba na Cámara de Comercio de Vilagarcía con dous curmáns; Luís Jueguen Vilas, vicepresidente desta entidade e con cargos no PP de Vilagarcía e José Manuel Vilas, tesoreiro da cámara e un dos rostros máis coñecidos do PP local dos anos oitenta. Precisamente, Vilas foi asasinado en marzo de 1992 logo de que ambos os dous curmáns se reuniran nun parque público de Benavente con dous sicarios colombianos.

Alfredo Bea

Outro condenado por contrabando foi o ex alcalde de O Grove, Alfredo Bea Gondar. Nas municipais de 1983 foi elixido alcalde do Grove por Convergencia de Independientes de Galicia, pero pasouse pouco despois con todos os concelleiros a AP. Volveu ser elixido alcalde do Grove en 1991 como cabeza de lista da Agrupación Vecinal Independiente (AVI), pero non chegou a tomar posesión, pois foi destituído o 20 de xuño de 1991 logo de ser encarcerado pola súa presunta relación cun alixo de cocaína. Foi condenado por un delito de branqueo de diñeiro procedente do narcotráfico en 2005.

A comezos dos 90, e antes da súa saída de AP, o hoxe presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, paseouse por esta localidade nun autobús cargado de militantes fraguistas con pancartas que rezaban “Resiste Alfredo, AP está contigo”.

Recentemente, o narcotraficante de Cambados Laureano Oubiña afirmou nunha entrevista á revista Vanity Fair que no seu día financiou tanto a AP "cando Manuel Fraga estaba ao temón", como aos centristas de Adolfo Suárez. Unha revelación que non colleu por sorpresa a moitos logo da vinculación do ex secretario xeral do PPdeG, Pablo Cresco, co financiamento irregular do PPdeG nos anos noventa.

Diñeiro negro

As detencións de Pablo Vioque e José Ramón Barral, "Nené", entre Maio e Xuño de 2001, puxeron en evidencia que os negocios sucios e a corrupción política de determinados cargos do PP. Non foron os unicos cargos do Partido Popular vinculados en asuntos de tabaco ou de drogas. Así, Alfredo Bea Gondar, expresidente da cámara municipal de O Grobe polos populares, foi procesado pola súa participación en operacións de miles de quilos de cocaína xunto ao avogado Pablo Vioque e outros narcotraficantes. 

Precisamente, algúns destes cargos populares, como "Nené" Barral utilizaron, segundo o xuíz que o condenou, a súa posición na Deputación de Pontevedra para realizar facturas por traballos nunca realizados. Unha destas facturas foi emitida a nome dunha empresa cuxos titulares eran persoas próximas do narcocontrabandista Baltasar Mouta Piñeiro. Mouta estivo asociado con "Nené" en negocios de tabaco, da mesma maneira que o narcotraficante Manuel Carballo Jueguen. 

Recentemente, o narcotraficante de Cambados Laureano Oubiña afirmou nunha entrevista á revista Vanity Fair que no seu día financiou tanto a AP "cando Manuel Fraga estaba ao temón", como aos centristas de Adolfo Suárez. Unha revelación que non colleu por sorpresa a moitos logo da vinculación do ex secretario xeral do PPdeG, Pablo Cresco, co financiamento irregular do PPdeG nos anos noventa cando Marcial Dorado, coñecido narco da Arousa, mantiña unha amistade con Núñez Feijóo, entón número dous da consellería de Sanidade.

Albor e Dorado

O semanario Novas da Galiza publicou que tanto Manuel Fraga coma Gerardo Fernández Albor mantiveron encontros con coñecidos contrabandistas arousáns. Así, apunta este medio que os lugares habituais de encontro de Manuel Fraga cos narcocontrabandistas eran os bares-restaurantes "Santos", "Benito Calteiro", "La Sirena" e "Alúmina", na localidade pontevedresa de Vila Nova de Arousa.

"Vioque tem comido com Manuel Fraga em mais de umha ocasiom no Parador de Cambados. Naquelas datas era freqüente que estivessem acompanhados à mesa por tam ilustres comensais e sobejamente conhecidos como Luís Falcón, “Falconetti”, ou Vicente Otero Pérez, “Terito”, sócio habitual em todo o tipo de negócios do narcodelator Manuel Carballo Jueguen, outro dos ilustres financiadores do PP. Todos e cada um dos comensais tenhen contribuído em mais de umha ocasiom com quantidades acima dos 50 milhons de pesetas para os “populares”, sinala o Novas.

Tamén recolle que en 1984, o entón presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, acompañado por quince altos cargos do goberno autonómico mantiveron un encontro con varios tabaqueiros refuxiados en Portugal logo de que o novo executivo do PSOE de Felipe González puxera prezo ás súas cabezas. Os dous encontros, segundo este medio, celebráronse nos hoteis "Adegas" e "Monte Faro", próximos de Valença do Miño. Os contrabandistas solicitaronlle ao presidente galego que intercedesse por eles perante Madrid. Alén de Albor, Vioque e a longa lista de funcionarios autonómicos, tamén estiveron presentes por parte da Xunta o vicepresidente Xosé Luis Barreiro e o seu segundo, Alejandro López Lamela. Algúns dos tabaqueiros que se encontráron con Albor foron José Manuel Ferrazo, Marcial Dorado Baulde, Manuel Nieto e José Luis Vilela, experto en evadir divisas para a Suiza. 

Unha información que tamén recolle Manuel Rivas nunha cŕonica de El País en 1984; " El establecimiento A Boega fue anteriormente noticia como escenario de un encuentro "casual y muy breve", según la versión oficial, entre varios de los procesados huidos y el presidente de la Xunta, Gerardo Fernández Albor, que se encontraba en el local cenando con autoridades portuguesas. Este conato de entrevista, el 6 de julio, no fue protagonizado por el grupo de los llamados servandos, como se informó en algunos medios, sino por Marcial Dorado, José Luis Paz, Benigno Suárez y José Barreiro. Trataban de que Albor intercediera ante la justicia. El asunto mereció un debate en el Parlamento gallego, a raíz de una interpelación socialista".

Rajoy no Moropa e Feijóo no iate de Dorado

Os casos máis recentes de fotos comprometedoras aconteceu en 2009 e 2011. En 2009, en vésperas das eleccións europeas, o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, e entón líder da oposición, protagonizou un acto electoral no iate Moropa, propiedade do coñecido clan de narcotraficantes dos Caneos, que confesaron introducir cocaína a España polas costas galegas.

Pouco despois tamén se coñecían outras fotos comprometedoras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co narco Marcial Dorado, unha amistade que o líder do PP recoñeceu que tivo pero que acabou a finais dos noventa. De feito, mesmo confirmou que viaxou con el a Portugal, Picos de Europa e Mallorca.

Investigacións sobre narcos paralizadas

A principios do 2013, o Goberno do PP decidiu paralizar todas as investigacións que viña realizando a Axencia Tributaria desde 2005 na provincia de Pontevedra, principalmente, na comarca da Arousa.

 

Estas investigacións centrábanse en fortunas ou inmobles sen xustificar de coñecidos e non tan coñecidos narcotraficantes. Eran accións que formaban parte do Plan de Residencias Suntuarias e que, até agora, descubriran máis de 100 millóns de euros en diñeiro negro, principalmente, froito do tráfico de drogas.

 

Este plan analizou 400 posibles casos de branqueo só en Vilagarcía, aínda que estaba deseñado para investigar outros municipios costeiros como Cambados, Sanxenxo ou Vilanova de Arousa. Analizando os patrimonios presuntamente sospeitosos, Facenda detectou que 140 propiedades estaban inxustificadas cos ingresos declarados. Destes primeiros informes eleváronse á inspección un total de 74 expedientes nos que se apreciaron indicios de delito, dos cales oito se remitiron ao Servizo de Vixilancia Aduaneira, ao tratarse de persoas sen antecedentes por narcotráfico, e 15 eleváronse á Fiscalía de Pontevedra. Pero outras 20 investigacións patrimoniais de sospeitosos de narcotráfico atópanse paralizadas en Vilagarcía.

 

Coa colaboración de M.V.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 14 comentarios

4 narcopepe

Alguén terá que investigar tamén ao alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, coñecido como "O chavelleiro". Non hai mais que preguntar pola zona de Cualedro, para indagar sobre a vida e ventura de "O chavelleiro". Na súa aldea natal Vilar de Lebres non é preciso preguntar, ninguén sabe nada, como en Sicilia.

3 Sen acritude

O nacionalismo galego peca de infantilismo e pailanismo, practica o cainismo coma loita esquecendo o verdadeiro inimigo. Que cada un traballe na defensa da Patria en troques de denigrar ao adversario. A miña opción é o Bloque, pero se IU pode mivilizar o voto que tombe ao PP, pois ben, so compre felictalos en nome do povo galego. Sen resentimentos, somos moitos os do Bloque que desexamos felicitar a Anova pola elección de Lidia Senre, e desexarlle a Lidia e Anova mais socrte e acerto do que tivo ate agora na defensa do noso agro, granxas e gandeiria e intereses diversos.

1 Xan

Eu que votei por AGE e votarei por Lidia concordo contigo. Comezo a esta farto dos "imbéciles escuros" que veñen aquí dun e doutro lado a tentar fo der o proxecto nacionalista. E noraboa a GC por seguir sendo tan plural. Agora máis que nunca o inimigo é a dereita. Avanti contra eles. Avanti contra os mafiosos e amigos dos narcos.

2 Alto do Vieiro

Eu, que não sei o que votarei (ando entre BNG, Anova ou Partido da Terra) concordo ao 100% convosco. Já chegou de insultos e rancores o galeguismo. As opções estratétigicas e tácticas (mesmo as que um presupõe que agocham motivos interesseiros) devem ser debatidas com racionalidade, elegância e pertinência.

2 Xa fede

Hai unha campaña perfectamente estruturada polo BNGUPG para tentar desacreditar este medio atacando directamente a Anova. Non lles importa que o PP sexa o partido da mafia, nin a corrupción dos ppaifocos. Só lles interesa botar mer-da contra o GC, Beiras, Anova, Martiño, Eyré, Rico, Compromiso, Partido da Terra, Nós-UP, PSOE e todo o que non cheire ao BNGUPG. Ah!, pero do PP nin unha soa crítica. A ver que ocultan. Ao final BNG e PP a mesma mer-da é. Unha vergoña. Seguide así campións.

1 Que me critican

Pois se é o partido da mafia por que as homenaxes e por que dicir que Fraga tiña moito sentido do estado: http://www.lavozdegalicia.es/notici...

1 Antolinmeraparrachopintos

Esto xa fede en lugar de falar contra o PP nunha nova que fala da vinculación probada do PP co narcotráfico para o seu financiamento, volven a aparecer os trolls de garda da UPG a falar contra Beiras. É autenticamente noxento, que haxa "persoas", que en cada nova, sexa do que sexa, acaben cuspindo veleno contra Beiras e contra AGE. Ide a rañala e seguidelle facendo campaña ao Partido Podre