O Centro de Saúde de Vilalonga: sen facultativos e sen citas médicas ata o 31 de decembro

Denuncian que, no que vai de decembro, dúas baixas quedaron sen cubrir.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/12/2021 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo vén de denunciar que a situación que se viviu no consultorio médico de Vilalonga a partires do 2 de decembro, cando quedou un só médico, empeorou: dende o pasado día 13 o Centro de Saúde de Vilalonga quedou sen ningún facultativo.

Consulta nun centro de atención primaria do Sergas
Consulta nun centro de atención primaria do Sergas | Fonte: Xunta de Galicia.

Este pasado martes día 15, aseguran dende a plataforma, desprazaron un médico desde Urxencias de O Salnés durante unhas horas e desde este martes "estanse anulando citas sen e posibilidade de solicitar xa unha, nestes momentos e ata o 31 de decembro".

En concreto, explican que o pasado día 2 no consultorio de Vilalonga quedou un só facultativo para atender a quenda de dous, por baixa doutro médico que non se cubriu "a pesar da forte presión asistencial que xa sofre esta consultoría, xa que cada médico está atendendo unha media de 40 pacientes por día en quenda habitual".  E este luns día 13 a situación volveuse repetir: o médico está agora de baixa e tampouco se cubriu, polo que o centro quedou sen asistencia médica durante dous días e se pecharon axendas ao tempo que desapareceron da aplicación do Sergas todas as citas ata o día 28.

Ante a falta de médicos substitutos e a queixa de varias persoas, o mércores, enviaron desde Emerxencias de O Salnés un facultativo que estivo atendendo ás persoas desde as 9 da mañá ata ás 13:30h. Sen embargo, na aplicación non hai ocos libres para petición de citas xa ata o 31 de decembro, denuncian. 

A Plataforma pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo afirma que a falta de facultativos neste consultorio deixa arredor de 3.000 pacientes sen asistencia de atención primaria e a pesar de que as urxencias sexan derivadas ao Centro de Saúde de Baltar, son moitos os déficits sanitarios e burocráticas que conleva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta