A escaseza de materias primas chega á industria dos ataúdes: soben tamén os prezos das caixas

Os fabricantes de cadaleitos piden comprensión a clientes e provedores ante unha situación "moi complicada".

Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

A escaseza de materias primas que afecta a moitos dos sectores industriais do noso país chegou tamén á industria dos féretros. Unha escaseza que, tamén como noutros sectores, causa un desfasamento tan forte entre oferta e demanda que provoca un incremento nos prezos finais das caixas. “Se non repercutimos as subidas dos prezos das materias primas, a situación complicarase aínda máis”, expresan nun comunidado a maior parte de fabricantes españois de cadaleitos, reunidos recentemente, e que representan o 90% da produción nacional. 

Cadaleito nun proceso de cremación ou incineación sen un funeral durante o coronavirus
Cadaleito nun proceso de cremación ou incineación sen un funeral durante o coronavirus | Fonte: efuneraria.com

Fanno despois de incidir en que os fabricantes están a pasar, actualmente, unha situación "moi complicada" debido á alza de prezos nas materias primas que "non son capaces de repercutir no mercado, superando con fartura as marxes comerciais". A subministración de materias primas esenciais como a madeira está a ser complicada posto que, explica, os seus custos multiplicáronse durante este ano.

Ademais, disparáronse tamén os prezos doutros materiais fundamentais como os vernices, tinguiduras, herraxes ou teas, así como a subministración eléctrica e custos de distribución, tal como reflicte o Índice de Prezos Industriais, editado polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que na súa última actualización informa dun incremento interanual do 31,9% ao 31 de outubro de 2021.

Segundo deslizan no comunicado, a industria española foi capaz de fornecer durante a pandemia "os féretros que necesitaba o país, poñéndose ao dispor dos nosos clientes, reorganizando quendas, distribución e produción, pero as circunstancias de encarecemento e escaseza das materias primas básicas escapan do control e posibilidades do sector". 

Tras meses de pandemia, o consumo de materias primas disparouse en múltiples sectores e "xa hai algúns provedores que informaron que durante o 2022 seguirá esta tendencia". Así,  p piden tanto a clientes como a provedores que "comprendan esta situación tan difícil que estamos a pasar neste momento e que nos axuden a podela superar”, conclúe o comunicado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta