O Executivo galego urxe ao Goberno convocar o PERTE agroalimentario

A Xunta pon en marcha xunto a Clusaga unha oficina técnica para asesorar ás empresas e avanzar así na candidatura galega.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/12/2021 | Actualizada ás 18:59

Comparte esta noticia

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, urxiu ao Goberno central a proceder canto antes á convocatoria do Proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (PERTE) vinculado á industria agroalimentaria.

Durante a súa participación na Cidade da Cultura no 8º Foro Next Generation Galicia-Sector Agroalimentario, da que informou a Xunta nun comunicado, fixo fincapé en que Galicia conta neste ámbito cunha "candidatura sólida", con proxectos que xa suman un investimento de 1.000 millóns e que poden supor a creación de 4.000 empregos.

"Estamos a tentar trasladar ao Ministerio de Industria a importancia de que se poidan axilizar as convocatorias", sinalou na súa intervención, á vez que destacou a importancia de que as empresas poidan acceder a estes fondos "nun momento no que hai unha clara capacidade investidora".

O vicepresidente económico asegurou que desde o Ministerio de Industria, "onde teñen o 100% dos fondos en materia industrial", non se executou "un só euro" desde o inicio do mecanismo de recuperación e resilencia, e reiterou a necesidade de que se convoque canto antes o Perte agroalimentario.

Do mesmo xeito, reclamou que se establezan criterios que poñan a Galicia en igualdade de condicións no conxunto do territorio para que os proxectos maduros cos que conta a Comunidade poidan ter unha resposta e poder cumprir cos prazos fixados pola Unión Europea.

O responsable de Economía, Empresa e Innovación apuntou que en Galicia hai unha "vocación clara por parte do sector agroalimentario de mellorar a súa competitividade e sustentabilidade", sinalando que a dixitalización e a seguridade alimentaria serán tamén relevantes no Perte.

NOVA OFICINA TÉCNICA

"Imos traballar conxuntamente nesta colaboración público-privada que entendemos que é a mellor maneira de utilizar os fondos europeos de face ao futuro", remarcou o vicepresidente económico, que anunciou que a Xunta e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) pon en marcha unha oficia técnica que será a encargada de informar e asesorar ás empresas galegas do sector para avanzar na candidatura galega.

A nova oficina técnica facilitará o desenvolvemento de distintas accións, actuando como observatorio dos programas que se convoquen a nivel estatal e europeo e identificando as oportunidades e definindo os proxectos tractores e singulares compatibles con diferentes programas e liñas. Tamén prestará asistencia e soporte a ls empresas e entidades na preparación, tramitación e presentación de propostas de interese, apoiando a súa tramitación técnica e administrativa e facendo un seguimento e avaliación dos proyectosllevados a cabo.

Celebración do 8º Foro Next Generation Galicia-Sector Agroalimentario. XUNTA
Celebración do 8º Foro Next Generation Galicia-Sector Agroalimentario. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta