Pontón acusa a Feijóo de destinar unha contía "residual" dos fondos extraordinarios a Atención Primaria

Os nacionalistas demandan á Xunta 21 millóns para a saúde mental e un estudo sobre como a pandemia afectou a este ámbito. A líder do Bloque volve acusar a Feijóo de "imprudencia temeraria" por recortar no Sergas en "plena pandemia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2021 | Actualizada ás 14:53

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de "imprudencia temeraria" por "recortar" tanto persoal como recursos sanitarios no Servizo Galego de Saúde (Sergas) "en plena pandemia".

Durante unha xornada dentro do ciclo 'Parlamento Aberta', organizado este sábado polo Bloque na Cámara coa asistencia de profesionais sanitarios, Pontón criticou duramente a xestión do PP á fronte da Xunta e advertiu de que Galicia vive "un incremento de casos" de covid "preocupante". "Toda prudencia é pouca", dixo, para apoiar o "inexplicable" que é que Feijóo "recorte" en sanidade, máis concretamente en Atención Primaria, "a punta de lanza na loita contra a covid".

Neste contexto, Pontón censurou que o Executivo galego "non utilice" os fondos extraordinarios percibidos por parte do Estado e a Unión Europea para "fortalecer a sanidade", xa que destina só unha contía "residual". Segundo as súas cifras, nos orzamentos autonómicos para 2022, só "un 12 por cento" destes fondos van para Atención Primaria, unha cifra "afastada" do 25 por cento que recomendan os estudos.

Ademais, a líder do BNG insistiu en que este servizo terá o próximo ano "dous millóns de euros menos" que nas contas de 2021 e "47 millóns menos" que en 2009, cos últimos orzamentos do bipartito. Por iso, Ana Pontón urxe á Xunta a acometer "unha auténtica aposta pola Atención Primaria e rescatala do colapso no que se atopa".

PERSOAL DE VACINACIÓN

A portavoz nacional do Bloque tamén aseverou que a campaña de vacinación coa terceira dose contra a covid-19 e a antigripal fai necesario manter "o 100 por cen" do persoal contratado durante a pandemia. En definitiva, Pontón culpou ao PP de Feijóo de acometer unha política sanitaria baseada "no desmantelamento" do Sergas durante "12 anos".

Proba diso son, tal e como apuntou, a mobilización dos facultativos dos puntos de atención continuada (PAC) e as críticas dos colexios de médicos contra a reorganización das actividades nos centros de saúde.

A situación do Sergas, resumida por Pontón, "é grave, pon en risco a saúde das persoas e é unha falta de respecto a todas e todos os profesionais". E todo isto ocorre, engadiu, mentres o PP "aproveita a pandemia para acelerar a súa política de deterioración da sanidade", do que os orzamentos para 2022 "son un claro exemplo".

SAÚDE MENTAL

En materia de saúde mental, a portavoz nacional do BNG explicou que en Galicia o cociente de psicólogos clínicos por cada 100.000 habitantes é de 3,5, "case a metade" que os 6 de España e moi inferior aos 18 de media da UE. Mentres tanto, a Comunidade galega "lidera o consumo de psicofármacos" no Estado.

Segundo as súas cifras, en 2019 había en Galicia 7.020 persoas esperando por unha primeira consulta en Psicoloxía Clínica, "case o dobre que en 2014". Disto serviuse para aseverar que en Galicia "faltan orzamentos, medios, profesionais e servizos".

Neste contexto, a líder nacionalista demandou dotar ao servizo de saúde mental de 21 millóns de euros, así como redactar un estudo para determinar os efectos da pandemia neste tipo de patoloxías na poboación.

Xornada de 'Parlamento Aberto' convocada polo BNG e centrada na sanidade. Asiste a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.. BNG
Xornada de 'Parlamento Aberto' convocada polo BNG e centrada na sanidade. Asiste a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta