Galicia despide un outono de temperaturas cálidas e moi seco, cun 34% menos de choivas

No mes de novembro choveu un 63% menos que o valor climático habitual.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2021 | Actualizada ás 12:53

Comparte esta noticia

Galicia despediu un outono meteorolóxico "con temperaturas cálidas" e "moi seco", xa que se rexistrou un 34 por cento menos de choivas, segundo recolle o último informe climatolóxico elaborado por Meteogalicia durante setembro, outubro e novembro.

E é que durante estes meses, tal e como informa a Xunta, as 16 estacións máis significativas contabilizaron unha media de 269 litros por metro cadrado. Con todo, os tres meses analizados presentaron comportamentos "moi diferenciados" entre eles.

O período comezou cun setembro que se pode considerar normal en canto á cantidade de auga recollida no conxunto da Comunidade, a pesar de estar cun 5% de diferenza co valor climático habitual.

Outubro, pola contra, foi un mes seco, pois a porcentaxe de precipitación foi un 19% inferior ao normal. Esta situación agudizouse no mes de novembro, no que choveu un 63% menos, polo que o intervalo temporal considérase moi seco.

No que respecta ás temperaturas, setembro e outubro foron en xeral meses cálidos para esta época do ano, aínda que novembro presentou valores inferiores ao habitual, polo que se considerou frío.

Por tanto, tendo en conta a estación no seu conxunto, o outono foi cálido en Galicia, cunha temperatura media obtida a partir das estacións meteorolóxicas máis representativas de 14,7 graos, é dicir, 0,25 máis do esperado.

En definitiva, se se observa o comportamento deste outono climatolóxico co período de referencia de 1981 a 2010, as temperaturas máximas destes meses foron normais, con 2020 como precedente máis cálido. En relación coas choivas, o precedente máis seco é 2017.

Imaxe das follas caídas no outono no paseo do Anallóns, en Carballo (A Coruña) o pasado 17 de outubro
Imaxe das follas caídas no outono no paseo do Anallóns, en Carballo (A Coruña) o pasado 17 de outubro

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta