O Parlamento de Galicia reivindica o seu "papel nuclear" na democracia e o autogoberno no seu 40º aniversario

Feijóo erixe á Cámara no "espello no que o pobo galego se recoñece". O BNG reivindica máis poder político.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2021 | Actualizada ás 17:18

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia reivindicou o seu "papel nuclear" na democracia e o autogoberno de Galicia con motivo da celebración das súas catro décadas de vida desde a súa constitución o 19 de decembro de 1981. A Cámara celebrou esta efeméride cun pleno solemne no que participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; os portavoces do tres grupos parlamentarios, Pedro Puy (PPdeG), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG); ademais do titular do Lexislativo galego, Miguel Santalices.

No acto, ao que asistiron numerosas autoridades, o presidente da Cámara sinalou que, "fronte aos que cuestionan a utilidade das institucións democráticas e a quen interesadamente trata de devaluar o papel dos parlamentos", "urxe reivindicar a súa plena vixencia". "Cos cambios e a posta ao día que resulten precisos en cada momento, pero preservando o seu papel nuclear no sistema democrático, como fixemos nesta Cámara en datas recentes", manifestou.

Santalices lembrou que o 19 de decembro de 1981, cando se celebrou no Pazo de Xelmírez a primeira sesión constitutiva da institución, "todo estaba por facer e case nada se daba por sentado". "O tempo transcorrido acredita o acordo daquela aposta" na medida na que "a democracia e o autogoberno sentáronlle moi ben a Galicia".

Para o titular do Lexislativo autonómico, "Galicia demostra con feitos o acerto do pacto constitucional que hoxe se reivindica de novo". Ademais, sostivo que a experiencia destes 40 anos acredita a "plena compatibilidade" de conceptos como descentralización, autonomía e constitución e agradeceu a corrección e predisposición para o acordo dos deputados e deputadas galega, fronte á "crispación" doutras cámaras.

Todo iso nun discurso no que, tras reivindicar o "bilingüismo cordial" de Galicia, celebrou que o galego sexa "o único parlamento do Estado" no que se utiliza a lingua propia "en exclusiva".

"ESPELLO NO QUE O POBO GALEGO SE RECOÑECE"

No acto, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Parlamento de Galicia como unha caixa de resonancia, lugar de encontro ou canle para que as discrepancias discorran dun modo racional que permite avanzar na obrigación de escoitar, pero tamén como ese "espello no que o pobo galego se recoñece".

Tras sinalar que co acto deste domingo conmemórase o nacemento de "un fogar común" co que outros "só puideron soñar", incidiu en que antes da súa constitución Galicia estaba "orfa" dun órgano como este en o que o galeguismo pasase de ser unha idea afastada a unha realidade próxima".

Ademais, puxo de manifesto que esta institución, que chegou da man do Estatuto de Autonomía fillo da Constitución española, é consecuencia de procesos democráticos que eluden a confrontación e buscan o consenso". "Ante este logro singular, reclamarse autonomista é facer xustiza a un proceso exemplar e a unha realidade modélica", abundou.

Finalmente, tras reivindicar que o parlamentarismo está "vivo e é dinámico" e asegurar que "calquera transformación require tempo", convidou a non buscar exemplos fóra que corroboren esa certeza, tendo en conta que "Galicia é o modelo".

O BNG REIVINDICA MÁIS PODER POLÍTICO

Nesta sesión plenaria solemne, que incluíu varias actuacións musicais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aproveitou para reivindicar máis poder político e novas ferramentas para darlle solucións á Galicia do século XXI.

Pontón sostivo que a celebración do 40 aniversario do Parlamento "non pode ser mera liturxia, nin gradilocuencia baleira de contido", senón que debe de ser "o centro da vida política" e a caixa de resonancia de "os problemas reais" da xente.

"Son os galegos e galegas quen lle dan sentido ao Parlamento e temos que traballar con humildade para estar á súa altura, por iso esta Cámara ten que ser o centro da vida política e equivócanse aqueles que tentan amordazarla, os que tentan convertelo nunha casca baleira a base de propaganda, crispación ou deturpando o debate", sinalou.

Tras incidir en que o BNG seguirá co seu empeño de converter o Parlamento en "un lugar de debate, de diálogo de ideas e caixa de resonancia dos problemas dos galegos", lamentou que o Estatuto "nin sequera se cumpra".

"Pasaron 12 anos coas transferencias en dique seco", sostivo nunha intervención na que reclamou máis poder político para Galicia, que se cumpra o Estatuto e avanzar nun novo status de nación. "Temos que conformarnos co traxe estreito confeccionado hai 40 anos ou debemos aspirar a máis?", cuestionou.

O PSDEG VOLVE A PEDIR A REFORMA DO ESTATUTO

O portavoz do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, aproveitou para soster que, "lonxe da autocompracencia", é necesario "afrontar os retos de futuro". Así, consciente de que non se pode caer no conformismo e estar "a se mirar no espello dicindo que todo vai ben", fixo un chamamento a que, a medida que pasen os momentos máis duros da pandemia", se actualice o Estatuto, o fundamento sobre o que se basea a Cámara autonómica.

Neste obxectivo e como alicerce fundamental, avogou por elaborar unha Carta de Cidadanía coa que "este Parlamento poida traballar para blindar e dar novos dereitos aos galegos e ás galegas". "Esa reforma", sinalou, "é algo que está pendente e que haberá que abordar antes ou despois".

"Queremos unha Galicia mellor e, para iso, necesitamos un Parlamento mellor, unha autonomía mellor e a mellor vocación de servizo público", argumentou Caballero, que apelou aos presentes a porse "deberes de autoesixencia" para traballar polo futuro desde a Cámara galega e nunha "España plural, federal e constitucional".

No Hemiciclo, o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, destacou que "40 anos despois" pódese afirmar que se cumpriron os anhelos dos antepasados. "A Galicia autonómica é capaz de progresar", sinalou para pór en valor que nestas catro décadas Galicia "é a comunidade autónoma que máis converxeu coa media de España".

"Galicia conta cun autogoberno pleno e constitucionalmente garantido. Exerce as súas competencias con lealdade á Constitución, como demostran as 439 leis aprobadas desde 1981 nesta Cámara e a protección que o Tribunal Constitucional dá cando algunha delas, como a recente reforma da Lei de Saúde, son recorridas por outras instancias gobernamentais", sinalou.

"Hoxe de acordo cos últimos datos do CIS, sabemos que o 63% (dos galegos) apoia o estado autonómico coas súas competencias, mentres que só o 12% avoga por un Estado centralizado e o 9% polo dereito de autodeterminación", afirmou para lembrar que xa Piñeiro, Risco e Castelao predixeron que "o autogoberno é sinónimo de democracia, prosperidade e benestar".

O acto, ao que asistiron diversas autoridades como alcaldes, deputados, senadores, contou coa actuación musical de Xabier Díaz, desde o Pazo de Xelmírez, e da Real Filharmonía de Galicia desde o Pazo de Fonseca, como recordo das dúas primeiras sedes provisións da Cámara.

A terceira das actuacións, no Pazo do Hórreo, a corrido a cargo da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, que celebra o seu 100 aniversario. A celebración finalizou coa interpretación do himno galego a cargo de Uxía Senlle, acompañada por un coro de nenos do CEIP Petelos (Mos).

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén na sesión solemne do 40 aniversario do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, intervén na sesión solemne do 40 aniversario do Parlamento de Galicia. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta