As vítimas de Angrois ven "inaceptable" inaugurar "de forma ostentosa" o AVE a Galicia "coma se non pasase nada"

Entregan unha carta a Pedro Sánchez en presenza do Rei, na plataforma de Chamartín onde se subiron ao tren

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/12/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

Vítimas do accidente do tren Alvia ocorrido en xullo de 2013 na liña de alta velocidade entre Ourense e Santiago ven "inaceptable" inaugurar "de forma ostentosa" a chegada do AVE a Galicia "coma se non pasase nada", tras a morte de 80 persoas na curva da Grandeira, en Angrois (Compostela).

Vítimas de Angrois, na estación de Chamartín (Madrid), onde protestan pola inauguración 'ostentosa' do AVE a Galicia
Vítimas de Angrois, na estación de Chamartín (Madrid), onde protestan pola inauguración 'ostentosa' do AVE a Galicia | Fonte: PLATAFORMA DE VÍTIMAS DE ANGROIS.

"É inaceptable que tras oito anos sen a investigación técnica independente que reclama a Unión Europea para aclarar o que alí ocorreu e que non volva suceder vaian inaugurar de forma ostentosa o AVE Madrid-Galicia coma se alí non pasase nada", sinalan nunha carta que entregaron ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

A misiva lla entregou en man a Sánchez e en presenza do rei Felipe VI uno dos integrantes da plataforma de afectados, Arturo Domínguez, na plataforma de Chamartín onde a comitiva tomou o tren con destino a Ourense.

Con ela, os familiares dos falecidos e feridos do sinistro denuncian a "absoluta falta de sensibilidade e desmemoria impropias dun país serio". "Debería causar vergonza ás nosas institucións e gobernantes", advirten.

Así, lembran que levan "máis de oito anos reclamando a verdade e que se depuren todo tipo de responsabilidades, tal e como corresponde a unha democracia avanzada" e inciden en que "para iso é imprescindible que se realice unha investigación técnica independente" sobre o sucedido, que aínda está por xulgar.

De feito, o instrutor pechou a causa con dous presuntos responsables de 80 homicidios por imprudencia profesional grave: o maquinista e o ex-xefe de seguridade de Adif, que está previsto que senten no banco no primeiro trimestre de 2022.

Con todo, a única investigación oficial realizada polo Estado español, a da CIAF (comisión de investigación de accidentes ferroviarios), culpa unicamente ao maquinista.

Por este motivo, a plataforma de vítimas, que foi recibida o pasado xoves pola actual ministra de Transportes por primeira vez, reclamoulle o cesamento do presidente do organismo, ao que esta respondeu que o estudaría.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta