O Concello de Cuntis acumula facturas sen pagar dende 2017, critica a oposición

O grupo político Veciñanza cifra en 600.000€ a débeda, unha cantidade para a cal o actual goberno aínda non consignou orzamentos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

O grupo político Veciñanza denuncia o estado da contabilidade do Concello de Cuntis. A formación, que exerce de oposición no concello pontevedrés, asegura que o consistorio, gobernado polo Partido Socialista, acumula facturas sen pagar dende 2017, unha contía a deber que, de acordo coas mesmas fontes, superaría os 600.000€ e para a que, no día de hoxe, segue sen existir unha consignación nos orzamentos.

Casa concello de Cuntis
Casa concello de Cuntis | Fonte: Wikipedia

A denuncia do grupo político chega despois de que o goberno local aprobara a Conta Xeral do exercicio de 2020. Para a formación, os datos descubertos co proceso administrativo revelan “unha situación económica moi preocupante” e que, segundo destacou o seu voceiro, Santi Martínez, reflectirían mesmo “varias irregularidades contables e financeiras”.

O nomeado voceiro afeou no propio pleno municipal que as contas dispostas deberían ter sido presentadas antes do pasado 15 de outubro, razón pola cal terían sido tramitadas xa fóra de prazo. O segundo problema estaría nun aparente incumprimento da norma do Período Medio de Pago a Provedores, fixado pola lei “nun máximo de 30 días”, segundo o voceiro, pero que baixo a xestión do PSOE rondaría as 200 xornadas en tres dos catro trimestres do ano.

So o período dos tres meses inicial quedaría na contorna do que a norma indica, peor por riba, ao contabilizar unha demora de 31’7 días. No segundo trimestre dispárase a 192 e continúa ascendendo ata os 227 do terceiro ou os 206 do final. “Estes datos sitúannos como un dos catro peores concellos da provincia de Pontevedra”, asegurou o voceiro da formación. “Cando a media de pago dos concellos e entidades fiscalizadas é de 70 días, Cuntis sitúase en 322 días. Unicamente superado na provincia de Pontevedra polo concello da Cañiza, o do Porriño e o de Vilanova de Arousa”, destacou, aludindo aos datos publicados pola web do Ministerio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta