Feijóo felicita o Nadal cun vídeo en castelán nas súas redes sociais

O presidente da Xunta vén de publicar o vídeo en RRSS en castelán subtitulado en galego. Fontes do PPdeG apuntan que tamén hai outra versión en galego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou este martes un vídeo de Nadal dos populares no que "a Galicia de hoxe dá a benvida á Galicia do mañá". O vídeo, publicado nas súa conta de Tuiter, está en castelán subtitulado ao galego. Fontes do PPdeG suliñan que se fixeron dous vídeos, un en catelán e outro en galego, e que os dous están subtitulados na outra lingua. Na conta oficial do PPdeG tamén está retuiteado o vídeo en castelán, aínda que fontes deste partido din que tamén están partillando o que está en galego.

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello este xoves. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello este xoves. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Esta peza audiovisual coa que o partido felicita as festas é, remarca o PPdeG nun comunicado, "un recoñecemento a unha Comunidade que está a deixar unha sociedade mellor, unha mensaxe en nome dos galegos que axudaron e axudan a eses outros galegos que chegan e que están por chegar".

O vídeo rolda os dous minutos e o presidente ten só unha breve aparición final, xa que segundo os populares o obxectivo é "dar protagonismo aos cidadáns que traballan por esa Galicia familiar e acolledora que deixarán aos galegos do futuro". Nese sentido, o PPdeG quere pór en valor o cambio que experimentou Galicia nas últimas décadas ata ser o que é hoxe en día: "unha terra máis igualitaria, máis sustentable, máis avanzada e máis dixital, que ofrece cada vez máis oportunidades aos seus habitantes".

Así, no vídeo agradécese a todos aqueles que contribuíron a crear "un gran lugar onde agora se nace en hospitais modernos, onde se axuda economicamente aos novos pais e nais, onde os nenos poden acceder ás escolas infantís de forma gratuíta e onde se sae do colexio falando castelán, galego e inglés". Por este motivo, o líder do PPdeG diríxese no vídeo aos recentemente nados, á vez que fai partícipes dos progresos da Comunidade aos galegos do presente, sen esquecer tampouco o labor realizado por "aqueles que xa se foron".

A felicitación xa está publicada na conta de Twitter de Alberto Núñez Feijóo e "fixada", é dicir, que o PPdeG quere que sexa ese vídeo, o realizado en castelán, o que prevaleza de inicio. Está acompañada dunha mensaxe do dirixente galego. "Nin os momentos máis duros poden arrebatarnos o orgullo por esa Galicia que construímos os galegos de hoxe para os galegos do mañá. Aos que acabades de chegar, aos que estades e aos que xa se foron. A esa gran familia que é Galicia, Bo nadal e próspero ano 2022", traslada.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta