Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 13:09
A Consellería de Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos colaborarán para investigar unha suposta plataforma de facultativos negacionistas da pandemia pola Covid-19 e esclarecer se profesionais da sanidade pública de Galicia colaboran con ela.
Así o informou Sanidade nun comunicado de prensa despois de que o secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade, Alberto Fontes, e o xerente do Sergas, José Flores, se reuniran este martes pola mañá de modo telemático co presidente do Consello Galego de Colexios Médicos, Isidro Lago, para abordar xuntos a situación sobre unha suposta plataforma de facultativos negacionistas.
Sanidade e o Consello Galego de Colexios Médicos acordaron "traballar xunto na mesma dirección", indica Sanidade, á hora de investigar estas actuacións para "esclarecer se médicos da sanidade pública colaboran con esta plataforma".
Ademais, o departamento de Sanidade indicou que traballa "para solicitar datos co obxectivo de pescudar quen promove esta plataforma" negacionista. Neste sentido, esta Consellería subliñou que "xa se están facendo indagacións sobre a procedencia de diferentes cartas enviadas a médicos galegos".
Así mesmo, incidiu en que a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde asinou, este pasado luns, un escrito cos sindicatos da Mesa Sectorial de Sanidade no que, lembra, "manifestan o seu rexeitado a calquera tipo de afirmación negacionista".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.