A Covid provoca escenas de hai un ano: as UCI comezan a saturar e suspéndense intervencións cirúrxicas

A área de Pontevedra e O Salnés alerta de que hai moitas persoas hospitalizadas que non están vacinadas e máis novas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/12/2021 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés decidiu suspender esta semana intervencións cirúrxicas debido ao aumento da presión asistencial pola pandemia da Covid-19. Así o explicou aos medios este martes o coordinador de hospitalización Covid e xefe de servizo de Aparello Dixestivo da área Sanitaria de Pontevedra-O Salnés, Juan Turnes Vázquez.

Aínda que comentou que os datos de hospitalización a data deste martes "son moi parecidos" aos da semana pasada, con 38 ingresados nos hospitais Montecelo e o Provincial e cinco no Salnés pola Covid, hai dous pacientes máis en UCI e "o perfil é algo diferente".  Neste sentido, detallou que nove dos 38 ingresados en Moncelo e no Provincial non están vacinados, cando a semana pasada so non inmunizados hospitalizados eran "dous ou tres".

E, ademais, resaltou que a idade media dos ingresados en UCI e noutras unidades convencionais por este coronavirus esta semana "é máis baixa", tras ir "baixando ao longo desta semana".

Turnes Vázquez puntualizou que o incremento de dous pacientes en UCI pola Covid "está a empezar a producir distorsións no funcionamento do hospital" e subliñou que "un dos primeiros puntos afectados é a actividade cirúrxica". "Está a reducirse esta actividade", admitiu, porque algúns pacientes necesitan cama de coidados intensivos "e están moi presionadas nos últimos días" por pacientes con coronavirus.

Así mesmo, detallou que a actividade de Atención Primaria aumenta ao haber máis casos de Covid, así como maior demanda en urxencias hospitalarias, polo que "a repercusión da pandemia na última semana aumentou na área" pontevedresa.

"FOCOS CON MÁIS PRESIÓN"

Iso levou a que esta área sanitaria focalice as medidas de intervención, non en abrir máis camas Covid, "senón en actuar sobre os focos con máis presión como urxencias, coidados intensivos e primaria", explicou.

Todo isto sucede, segundo puntualizou o coordinador de hospitalización Covid, pola circulación da variante ómicron. En concreto, explicou aínda que os síntomas destes poidan ter "maior levedads", ao contaxiarse máis persoas, "van requirir máis asistencia", o que leva a unha "maior saturación" en Atención Primaria e en Urxencias. "Aínda que o número de ingresos é inferior, ao final crece ao haber máis contaxiados", sentenciou.

UCI do Hospital Clínico de Santiago
UCI do Hospital Clínico de Santiago | Fonte: Ana Varela - Xunta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta