Reacción da Igrexa ao caso do cura pederasta do Barco: prohibición de manter contacto con menores

Ángel Sánchez Cao está investigado por supostos delitos de abusos a menores no ano 1980 no Seminario da Bañeza (León)

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 21/12/2021 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O Tribunal da Rota da Nunciatura Apostólica impuxo a prohibición de exercer cargos que impliquen contacto esporádico con menores de 18 anos ao sacerdote galego Ángel Sánchez Cao, investigado por supostos delitos de abusos a menores no ano 1980 no Seminario da Bañeza (León) e que foi apartado en 2019 das parroquias e do exercicio público do ministerio.

Papa Francisco
Papa Francisco

O Bispado de Astorga apunta que os resultados da investigación aberta enviáronse á Congregación para a Doutrina da Fe que, tras o estudo do caso, levantou a prescrición dos delitos e, por establecelo así o Código de Dereito Canónico, iniciouse un proceso administrativo penal cuxa instrución se delegou ao Tribunal da Rota da Nunciatura Apostólica.

O proceso, tal e como precisa o Bispado astorgano, concluíu coa consideración dos feitos imputados como certos, de forma que se condenou ao sacerdote coa prohibición de exercer cargos que impliquen o contacto esporádico ou habitual con menores de 18 anos ata o cumprimento dos 80 anos, así como coa revogación, polo mesmo tempo da facultade de ouvir habitualmente confesións, segundo o c. 974 par. 1, agás nos casos previstos no c. 976.

Este párroco, de 68 anos, desenvolveu os seus primeiros anos como sacerdote no Seminario da Bañeza, tras o que pasou a exercer en parroquias da Veiga (Ourense) entre 1986 e 1999.

Desde 1999 exercía como párroco de parroquias do concello ourensán do Barco, do que é natural, como Veigamuiños, Xagoaza e A Pobra.

Ademais de parroquias no termo municipal do Barco, tiña outras como a de Arcos de Valdeorras, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta