O PP acusa o Goberno central de "non buscar solucións" para garantir os postos de traballo de Ence

Asegura que o Ministerio non pediu á Uvigo o estudo para valorar posibles localizacións alternativas a Lourizán

Por E.P. | Santiago de Compostela | 22/12/2021 | Actualizada ás 19:34

Comparte esta noticia

A senadora do PP de Pontevedra Pilar Rojo denunciou que o Goberno central non está a facer "absolutamente nada" para tentar garantir o mantemento dos postos de traballo de Ence. Rojo asegura que as respostas do Executivo estatal a varias preguntas rexistradas no Senado "son claras" e desvelan que "non está a tomar ningunha iniciativa".

Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra
Fábrica de Ence en Lourizán, na ría de Pontevedra | Fonte: Europa Press

En concreto, a senadora asegura, ao preguntarlle sobre o anuncio feito en outubro polo Goberno no que confirmaba o encargo á Universidade de Vigo dun estudo sobre posibles localizacións alternativas á pasteira, a resposta sinala que o Ministerio para a Transición Ecolóxica "non solicitou ningún estudo do tipo ao que se refiren".

Para Rojo, esta é unha "evidencia" de que os postos de traballo de Ence "non están na axenda nin na preocupación do PSOE". Ademais, lamenta a falta de compromiso para estudar a viabilidade da adscrición dos terreos de Ence ao Porto de Marín, "tal e como se comprometeu a ministra Ribera durante a reunión que mantivo en Madrid co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo".

Así, sinala que, a preguntas para acceder aos informes xurídicos aos que fixo referencia o secretario de Estado de Medio Ambiente en relación a esta adscrición dos terreos, desde o ministerio "recoñecen que nin se solicitou nin se dispón deste informe".

"Máis anuncios e compromisos baleiros do Goberno central. Como sempre e como en todo, están a mentir. Non é verdade nada do que anuncian", censura.

Respecto diso, lembra que hai un informe favorable e unánime do Consello Consultivo de Galicia que o avala, e que o Consello da Autoridade Portuaria aprobou iniciar o proceso. Con todo, sinala que "a última palabra lle corresponde ao Goberno central".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta