Tanxugueiras: “Estamos rompendo teitos de cristal coa música tradicional e coa lingua”

O trío de pandeireteiras podería chegar aos escenarios de Eurovisión co tema 'Terra', unha poderosa proposta que segue o camiño da fusión de sonoridades tradicionais e urbanas e co que queren evidenciar que o galego "non ten fronteiras".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

"Mulleres fortes, valentes e empoderadas. Cantareiras dunha nova década". Así se definen as Tanxugueiras - Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro - e así é como se dispoñen a representar o Estado español no Festival de Eurovisión 2022. Pisan forte nesta carreira eurovisiva coa potente proposición de que a música tradicional e a lingua galega cheguen ao escenario de Turín - cidade italiana anfitrioa da edición 2022 de Eurovisión - para representar por primeira vez España nun idioma cooficial. Fano co tema 'Terra', "un canto á diversidade e ao recoñecemento da música de raíz galega" que só no seu primeiro día de publicación alcanzou xa as 500.000 escoitas nas plataformas dixitais. 

Xira de Tanxugueiras. THE OFFICE COMUNICACIÓN
Xira de Tanxugueiras. THE OFFICE COMUNICACIÓN

Soan entre as preferidas desde o primeiro momento. O trío de pandeireteiras resultaron ser as máis votadas nunha enquisa anual entre eurofans que promove o portal eurovision-spain.com e iso impulsounas a presentar oficialmente a súa candidatura. Agora que RTVE as preseleccionou, Tanxugueiras teñen por diante a cita do Benidorm Fest, o 26,27 e 29 de xaneiro, onde terán que defender a súa proposta fronte ás outras 13 candidatas que tamén chegaron a este punto. Este xornal fala con Aida Tarrío para coñecer de preto as sensacións que están a vivir Tanxugueiras ás portas de Eurovisión e logo dun intenso ano coa xira do disco Contrapunto e o lanzamento dos temas Figa e Midas. Ante todo, teñen claro que este é o momento das músicas tradicionais e de poñer en valor a diversidade lingüística. 

Estades a uns poucos pasos de representar España no Festival de Eurovisión... Como estades vivindo todo isto?

Con moitísima alegría. Estamos moi agradecidas a toda a xente que nos apoia e nos apoiou. Temos moita ilusión e moitas ganas de que chegue o Benidorm Fest para poder facer ‘Terra’ en directo. 

Ata este ‘Terra’, tivestes unha progresión moi grande como grupo desde o voso nacemento. Cando botas a vista atrás a través da vosa traxectoria, que é o primeiro que che vén á cabeza?

Sinto moito orgullo e sinto que o noso traballo foi recompensado. Nós as tres cando nos xuntamos para cantar temos algo que conecta, que soa ben e que chega á xente, pero detrás disto hai moito esforzo. Polo tanto, sentímonos recompensadas despois de todo este ano de traballo.

Que foi o que máis vos impulsou a presentarvos con ‘Terra’ a Eurovisión?

Sobre todo, o que máis ilusión nos fai e o que nos incitou a presentarnos é que dunha vez por todas se vexa que o galego pode chegar a palcos tan grandes como o de Eurovisión e que a música tradicional teña ese oco que merece, ao carón doutros estilos que son máis escoitados. Que dunha vez por todas se escoite tamén a nosa música tradicional e que se vexa que España non é so flamenco -que tamén e a nós gústanos moito- senón tamén outras culturas que están un pouco agochadas detrás del. É o momento de que saian e de que a xente as coñeza. 

De feito, se gañades no Benidorm Fest, esta sería a primeira vez que una lingua minorizada do Estado chega a Eurovisión. No 1968 a Serrat non lle permitiran cantar en catalán. Que significaría isto para estas linguas e para o Estado español?

Que unha canción en galego estea en Eurovisión serviría para normalizar as linguas cooficiais.  Significaría un paso enorme, normalizar que no Estado hai máis dunha lingua e que utilizalas non é malo, é enriquecedor, porque como di Sabela, as linguas non morden. Está moi ben aprender e saber inglés, pero non podemos esquecernos do resto de linguas. Á fin, saber unha lingua non é máis que ter maior coñecemento. Esta é unha oportunidade de dar a coñecer dunha vez por todas as linguas cooficiais e de que a xente tamén poida escoitar e disfrutar de música que non está en castelán, así coma nós escoitamos música en inglés e ás veces non entendemos nin papa, mais disfrutamos con ela. Isto é o mesmo. Eu se tivera vidas para aprender o euskera, o catalán ou o asturiano, encantaríame aprendelos! As linguas enriquecen.

En ‘Terra’, por certo, hai un guiño a todos esas linguas.

Hai pílulas doutros idiomas, sobre todo para apoialos. Nós estamos a tope co galego e con todas as linguas cooficiais, por iso queriamos poñer ese gran de area engadindo unha frase en cada lingua. 

Que a vosa canción sexa en galego pode facer máis partícipe dela a todas esas persoas doutros lugares do Estado con linguas propias? 

Eu creo que o vínculo especial con esta canción pode nacer de todas as persoas abertas de miras e que arroupa os idiomas. Sobre todo porque sexas galego, sexas vasco, sexas estreñema, ou andaluza, tes lingua e tes a túa música de raíz, entón creo que é fácil sentirse representada. Eu, como galega, sentiríame representada por unha música estreñema, porque é música tradicional. Penso que é unha sorte que un grupo coma nós leve un anaco de música tradicional para representar España.

Que lle diriades a esas persoas que se poden opoñer ou que teñen reticencias a que as represente unha canción en galego polo feito de estar en galego?

Que non se pechen portas, que abran as miras e nos dean unha oportunidade. No caso de que vaiamos a Eurovisión, que aínda temos que pasar moitas cribas, seguramente a xente de fóra non lle poñería peros nin trabas. É máis, creo que se asombrarían, e creo que visibilizar as linguas enriquece o festival.

Hai unha enquisa recente de Ao son da música que deixou datos a ter moi en conta, por exemplo, que o 80% da mocidade galega non escoita habitualmente produtos musicais en galego. Que reflexión tirades disto?

Aquí en Galicia fai moita falta que nos coles, nas clases de música e de galego, ademais de tocar a frauta, lles poñan un instrumento de percusión na man como é a pandeireta. É importante que lles ensinen o que son as recollidas, ás que todos os profesores poden acceder a través do APOI, que lles acheguen a música tradicional e que lles falen da cantidade de grupos e estilos que se fan aquí en Galicia e en galego. Eu creo que se dende pequenos lles imos aprendendo todo isto, chegará un momento en que, poderá gustarlles ou non, pero polos menos coñecen. É necesario que haxa un oco para a nosa música dentro das aulas de música e de galego. Diso pódese aprender moitísimo. 

Credes que propostas coma a vosa e da escena musical actual con estilos moi diversos e novos poden impulsar a xente a que se achegue máis ao galego?

Eu creo que si. Grupos coma Verto que teñen estilos modernos fan que a mocidade vexa que o galego mola, que o que canta C. Tangana tamén se pode facer en galego. A música é algo que está no día a día de todos os nenos e nenas e claro que os pode impulsar a intentar falar galego. Nos nosos concertos hai moita xente que se achega a nós e nos di que grazas a escoitar música en galego aprende ou fala galego. Iso é un orgullo para nós, o maior premio que podes ter. Somos moi conscientes de que temos un altavoz e de que o que facemos repercute sobre a xente que nos escoita. Vennos moitas nenas e adolescentes, e así como levamos o feminismo por bandeira, tamén levamos o galego.

Tedes unha conexión moi especial coa mocidade. Que a engancha de vós?

Eu creo que é esa fusión da música tradicional con ritmos máis modernos ou contemporáneos. Creo que proxectos coma os nosos son unha porta para que esa xente que non coñecía a música tradicional se meta nela, e a partir de nós, atope outros grupos como asociacións de pandeireteiras que interpretan fielmente o que cantaban as señoras. O rexeitamento á música tradional vén dos prexuízos que hai sobre ela, da desinformación e da ignorancia cara a este mundo. Non é que non guste, é que non se coñece.

Con todo, parece que nestes últimos tempos se está dando un boom das músicas tradicionais, de feito puidemos ver algúns exemplos nestes anos en Eurovisión. Isto é sinónimo de que algo está cambiando, de que algo se está movendo? 

Si. Creo que se están dando pasiños e abrindo as miras. É o momento da música de raíz, non só galega, senon tamén asturiana, vasca, catalá… Están aflorando moitísimas músicas tradicionais e sobre todo a xente nova estase interesando por elas, e iso paréceme moi importante. Por exemplo aquí en Galicia cada vez máis estamos quitando de enriba ese rexeitamento cara ao tradicional. Segue habendo prexuízos sobre esta música e sobre a lingua, pero parece que estamos rompendo eses teitos de cristal, non só nós senón todos os grupos que tocan música tradicional. Por iso cremos que é moi necesario que nos presentemos a Eurovisión, para facerlle ver a esa xente que aínda ten prexuízos que non lle estamos facendo mal a ninguén e que simplemente estamos apoiando o que é noso, que non só é dos galegos senón de toda a xente, e compartindo un anaquiño da nosa cultura co resto do país. Á música tradicional tócalle de novo o seu momento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Vírgulas

Boa entrevista, mais é tan cooficial o castelán como o galego, éuscaro, catalán ou aranés. Esa idea espallada polo nacionalismo español de que o castelán é oficial e as outras linguas oficiais do estado son "cooficiais" non se corresponde en absoluto coa realidade, pois unha lingua cooficial é igual de oficial que coa que comparte dita cooficialidade. Na cooficialidade non é posíbel que unha lingua sexa "máis oficial" ca outra. Non utilicemos o argumentario supremacista españoleiro. https://academia.gal/dicionario/-/t... https://www.estraviz.org/cooficial https://dle.rae.es/cooficial?m=form