17 colexios educativos da fronteira participarán na serie documental Meniños Cantores 2

A serie documental estréase o próximo 26 de decembro as 20.00 horas na TVG e componse de catro capítulos de 50 minutos cada un.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/12/2021 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Ponte...nas ondas! estrea este próximo domingo 26 de decembro ás 20.00 horas na TVG a serie documental Meniños Cantores 2. A serie documental, incluída no libro-USB, componse de catro capítulos de 50 minutos cada un. Ao longo dos capítulos ofrécese un percorrido pola fronteira galego-portuguesa; dende Verín e Chaves ata o Océano Atlántico chegando a Viana do Castelo.

Presentación de proxecto 'Meniños Cantores 2' no Consello da Cultura Galega.. XOÁN CRESPO
Presentación de proxecto 'Meniños Cantores 2' no Consello da Cultura Galega.. XOÁN CRESPO

No documental, ademais de descubrir as cancións interpretadas polos nenos e nenas de 17 centros educativos e os seus padriños e madriñas, a través dos alumnos e profesores dáse a coñecer o proceso de escolla do tema musical, a súa preparación e interpretación na gravación.

Cada centro educativo, está apadriñado por un artista de Galicia e Portugal, que colaboraron na preparación e gravación dos temas musicais. Ademais, todos os padriños e madriñas gravaron o tema común "Máis perto".

O documental arranca cunha conversa en Lisboa de dous artistas que apadriñan o proxecto, Uxía e Antonio Zambujo quen cun exemplar do primeiro Meniños Cantores preguntan se agora poderán cantar nesta nova edición, de aí que o proxecto levase como nome xenérico "Agora cantamos nós", e que ten o seu sentido na interpretación por parte dos 16 artistas do "Máis perto".

No capítulo 1 percorre os concellos de Verín, Chaves e Montalegre. No capítulo 2, As Neves, Melgaço, Salvaterra de Miño e Monçao. No capítulo 3, Salceda de Caselas, Tui, Valença do Minho, Vila Nova de Cerveira e A Guarda. E por último, no capítulo 4, Tomiño, Caminha, O Rosal e Viana do Castelo.

COLABORACIÓN

A serie foi gravada entre os meses de abril e xuño pola produtora Casa de Tolos, editada por Pai Música e contou coa colaboración da TVG, o Consello da Cultura Galega e cunha axuda de O teu Xacobeo. No documental, participaron máis de 500 xoves das dúas marxes da fronteira pertencentes a 17 centros educativos, bandas de música ou grupos corais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta