Sexta onda de COVID, poden quedar os profesores coidando os seus fillos en corentena?

Os sindicatos denuncian que o profesorado non poda exercer o “deber inexcusable” para atender a menores ao seu cargo se estes caen enfermos de COVID. As forzas sindicais denuncian que non hai apoio legal que lles permita aludir a este deber para atender aos seus fillos ou menores a cargo. Á parte disto, tamén se denuncia a falta de persoal contratado para cubrir baixas.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 02/01/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O deber de todo pai e nai é asistir aos fillos ao seu cargo cando son menores. Este “deber inescusable” non parece ter eco suficiente dentro do departamento de Educación dirixido por Román Rodríguez e na Xunta de Galicia. A pesar dese deber de asistencia, os profesores non están apoiados por un sistema legal que lles permita solicitar días para atender debidamente aos fillos e fillas enfermas. Doutra banda, aínda que Román Rodríguez anunciara estar traballando na vacinación de menores de 12 anos e manter grupos burbulla, as versións sindicais difiren das do conselleiro, pois apuntan que desde o mes de novembro non se realizan contratacións para cubrir baixas.

Aula.
Aula.

DEBER INESCUSABLE

O Sindicato de Traballadores do Ensino de Galicia poñía sobre a mesa a cuestión da falta de permisos a profesores e profesoras para coidados de fillos menores afectados por corentena. Os permisos obedecen ao “deber inescusable” de cumprir coas atribucións paternas e maternas en canto coidados dun menor de idade. “Pedimos á Consellería máis contratacións e máis medios, ao negar esta posibilidade, entendemos que o departamento de Educación cre que hai unha rede familiar que pode atender aos menores” di Lois Pérez do STEG.

José Fuentes de CCOO Ensino remarca o feito de os profesores non poderen solicitar días para coidados de menores ao seu cargo. “Non pode solicitar días, ao  mellor pode recorrer a unha baixa médica; antes por obriga permitíase, mais desde que comezou a pandemia quitaron este permiso”. Fuentes sinala o feito de estarmos dentro “dunha situación excepcional e que a Consellería, no medio dunha pandemia, debera dar permisos excepcionais”.

“Non estamos falando dun dereito dos pais, é unha obriga dos pais” sinala Suso Bermello de CIG Ensino. Ante a falta de apoio ao deber que como pais teñen os profesores e profesoras, Bermello sinala que “a Xunta é insensible a unha situación que pode estourarlle na cara en caso dunha sentenza desfavorable nos tribunais”.

Desde UGT-Ensino, Sandra Montero apunta que a Administración “non permite presentar unha declaración responsable ou deber inexcusable como xustificante”. E iso a pesar das indicacións do protocolo da Xunta para o ámbito educativo sinala que “os conviventes dunha persoa considerada caso sospeitoso (alumno/a ou profesional), evitarán as interaccións sociais que sexan prescindibles ata que se confirme o resultado. Ademais, os conviventes coa pauta completa ou aquelas que fosen diagnosticadas da COVID nos últimos 6 meses poderán acudir tanto á escola como ao seu posto de traballo, extremando sempre as medidas de prevención”.

REDUCIÓN RATEOS, AUMENTAR CONTRATACIÓNS

As medidas de seguridade ante a pandemia dentro dos centros escolares durante esta sexta vaga para CCOO están respondendo a criterios economicistas. “Se falamos de rateos, o conselleiro dixo que non habería aulas de 25 alumnos en infantil e primaria, a realidade é que hai centros con rateos maiores”. Fuente engade que “se non houbo un maior número de contaxios foi grazas ao esforzo de familias, profesores e alumnado”. E onde está o criterio economicista? “Na falta de persoal de reforzo e redución de distancias de seguridade de 1.5 a 1.2 metros, non se gasta en espazos nin en contratacións”.

“A falta de substitucións implica a ruptura dos grupos burbulla dentro dos centros educativos” sinala Lois Pérez. Para o STEG, o feito de non haber profesorado substituto “non ten xustificación e demostran que non fan o seu traballo (a Consellería), o conselleiro di que se están cubrindo prazas mais na web de substitucións hai baixas sen cubrir desde novembro”.

Dende principios do mes en curso, a Consellería non cubre a totalidade das vacantes. “Non se realizan chamamentos xa que a Administración defende que nunca se cubriron as vacantes de 15 días anteriores ao remate da actividade lectiva; engadindo que “sempre se fixo así”, sinalan desde UGT. E iso a pesar de insistir que este curso non é como os demais, e engadindo que “a Administración debe mudar esta práctica respectando o acordo de interinos que di que as ausencias de máis de 3 días deberán ser cubertas por un docente substituto”.

“Hai que aumentar a distancia de seguridade, reducir número de alumnos e si, iso implica máis gasto pero a educación non é un gasto, é investir no futuro” di Suso Bermello. “Estanse comportando como se non houbese pandemia e ao final, a dirección dos centros, ante o aumento de casos e a falta de docentes están entre a espada e a parede”.

Os profesionais da educación teñen claro que se non poden cumprir co deber de coidar aos seus fillos ou menores baixo o seu cargo, poderían estar incorrendo en feitos que poden ser denunciables. Por outra parte, a Administración galega non contrata docentes substitutos baixo o que as forzas sindicais consideran criterios de aforro. Así, a mesma administración galega estaría obrigando a infrinxir o deber de atención aos profesores cara fillos ou fillas en corentena.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta