Inés Rey reprocha a Feijóo non ter "preparado" o sistema sanitario para convivir co virus

A alcaldesa da Coruña pide "coherencia" nas medidas e que se tome "canto antes" a decisión sobre cabalgatas e celebracións de fin de ano.

Por E.P. | A CORUÑA | 23/12/2021 | Actualizada ás 18:16

Comparte esta noticia

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, reprochou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, non ter "preparado" o sistema sanitario para convivir coa Covid. "Estamos nunha situación esperada, a da convivencia co virus. Durante un ano e medio as autonomías tiveron tempo para prepararse para a convivencia co virus e iso pasa por reforzar a sanidade pública, con máis persoal e cunha mellora da atención primaria para non saturar os hospitais e para que exista unha maior detección precoz dos casos de Covid", indicou Rey.

A alcaldesa acusou á Xunta de non facer ese reforzo, "non cumpriu co deber que tiña como administración autonómica, non fixo os deberes". Rey destacou que a cidadanía cumpriu con "madurez e exemplaridade" todas as normas que foron establecendo as autoridades sanitarias. "Resulta complexo de explicar no 2021 que, a pesar de todos os esforzos feitos polas e polos cidadáns (confinamentos, limitacións, ERTES, vacinación) teñamos que actuar coma se estivésemos en 2020, cando afortunadamente a presión hospitalaria e o número de falecidos é moito menor".

Respecto da máscara en exteriores, remarcou que a xente xa a emprega "maioritariamente" e subliñou que "a sociedade é madura e non se lles pode trasladar a responsabilidade das medidas a tomar para a convivencia co virus".

CABALGATAS

En relación ás novas medidas a adoptar sobre as celebracións de fin de ano e as cabalgatas, a alcaldesa pediu coherencia e que non se improvise. "Que se tome a decisión canto antes e se comunique". "Se se permiten festas de fin de ano deben permitirse as cabalgatas, e as cabalgatas estáticas non son unha solución dado que provocan unha maior aglomeración de xente" declarou.

Varias persoas na terraza dun bar, en Galicia.. M. Dylan - Europa Press
Varias persoas na terraza dun bar, en Galicia.. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta