O BNG critica que o rei non recoñeza a "nación" galega e PPdeG e PSdeG falan de "exemplaridade"

Feijóo cualifica de "exemplar" o discurso do rei: "Maxestade, conte con Galicia"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2021 | Actualizada ás 18:27

Comparte esta noticia

Disparidade de opinións tras o discurso de Nadal do rei. Así, mentres populares e socialistas destacan a "exemplaridade" e a "esperanza" do contido da mensaxe de Felipe VI, os nacionalistas criticaron que é unha "operación de maquillaxe" e que non recoñecera que Galicia é unha "nación".

"Maxestade, conte con Galicia", dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A través da súa conta de Twitter, o mandatario galego destacou a "proximidade cos españois ante a pandemia" que mostrou o monarca na súa intervención, así como o "compromiso coa Constitución e os seus valores integradores".

Para Feijóo, foi un discurso do Nadal "de exemplaridade institucional e de confianza no país para a reconstrución" tras a crise que leva aparellada a covid-19. Neste sentido, o secretarion xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considerou "inspiradora" a súa intervención e dixo que este país "precisa moitos máis discursos de don Felipe e moitos menos como os de Pedro Sánchez".

O Rei Felipe VI participa no Foro da Paz de París. CASA S. M. O REI
O Rei Felipe VI participa no Foro da Paz de París. CASA S. M. O REI

PSdeG

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, destaca que o discurso de Nadal de Felipe VI lanzou unha "mensaxe de esperanza" e "de unidade para deixar atrás as diferenzas políticas e traballar xuntos para enfrontar a recuperación social e económica" tras a pandemia.

En declaracións remitidas aos medios, o líder dos socialistas galegos apunta que, precisamente "ese espírito de unidade" referido polo monarca é o "que está recollido na Constitución española". Neste contexto, Formoso celebrou que o xefe do Estado incidise "no gran esforzo colectivo na loita contra a pandemia" e "o avance fundamental que supón a extensión da vacina", aínda que que o risco da covid aínda "non desapareceu".

O secretario xera do PSdeG-PSOE valora tamén que Felipe VI fixese un chamamento a "seguir traballando para paliar as consecuencias económicas e sociais da pandemia, tanto na recuperación do emprego como na protección aos colectivos máis vulnerables".

BNG

Finalmente, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considerou que o discurso do Nadal do rei Felipe V foi unha "operación de maquillaxe e lavado de cara" e criticou a ausencia de referencias aos "casos de corrupción e evasión fiscal" vinculados ao seu pai, Juan Carlos I.

"Non pode facer apelo ao carácter exemplar que deben ter as institucións de rectitud política e moral sen facer ningunha referencia á corrupción da propia Familia Real", sinalou Rego, en declaracións remitidas aos medios.  Neste contexto, o deputado do BNG no Congreso aproveitou para incidir en que a monarquía está a ser cada día máis criticada "polo seu carácter antidemocrático e corrupto".

Así a cousa, o deputado do BNG reivindicou o carácter "plurinacional, pluricultural e plurilingüe" de España, á vez que criticou que o rei evite "recoñecer que Galicia existe como pobo diferenciado" e que "é unha nación cunha lingua, cunha cultura, unhas características e con problemas específicos".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta