A Xunta facilita o acceso a axudas de ata 800 euros ao mes a vítimas de violencia vicaria

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/12/2021 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres unha modificación das bases reguladoras das axudas de ata 800 euros ao mes que a Xunta concede a vítimas de violencia de xénero, de modo que aquelas mulleres que sufran violencia vicaria --contra os fillos-- poderán acceder a esta prestación con maior facilidade.

En concreto, segundo informa o Goberno galego, estas modificacións pasan por eliminar os límites temporais para que as prexudicadas acrediten a súa condición de vítimas, así como o cesamento da convivencia co seu agresor.

Todo iso deriva do cambio na lei galega de violencia de xénero aprobada o pasado mes de xuño polo Parlamento autonómico, para así introducir a consideración das mulleres que sofren violencia vicaria.

Ademais, a Xunta destaca que este recoñecemento "ten efectos retroactivos", de modo que, para optar a estes pagos mensuais, as mulleres xa non teñen que cesar a súa convivencia co agresor nos 12 meses anteriores á solicitude. Tamén se retira este límite temporal transcorrido desde a emisión do documento que as acredita como vítimas.

De feito, a Administración autonómica aprobou consignar máis de 5 millóns de euros dos seus fondos --unha cifra que, no entanto, pode ser ampliada "en función das necesidades"-- para facer fronte a estes pagos periódicos entre 2022 e 2023.

Á parte das vítimas da violencia vicaria, que "desde o ano 2019 xa podían acceder a estas axudas", segundo lembra a Xunta, esta liña ten como potenciais beneficiarias a mulleres vítimas de violencia de xénero e de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

Arquivo - Muller pasea acompañada dun neno.. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Muller pasea acompañada dun neno.. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta