Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2021 | Actualizada ás 19:24
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, volveu a reivindicar a súa inocencia ante a causa aberta pola suposta malversación de fondos procedentes do seu partido, Democracia Ourensana, un asunto que, segundo Jácome, "non ten base".
O Concello de Ourense celebrou este mércores un pleno extraordinario no que a oposición e o rexedor municipal intercambiaron opinións sobre a querela interposta pola Fiscalía a Jácome, que acudiu a declarar por esta causa o pasado martes.
Un día despois de prestar declaración no Xulgado de Instrución Número 2 de Ourense, o alcalde dixo que a súa preocupación por este asunto é "cero" porque "non ten ningún tipo de base" e que, deste xeito, seguirá "facendo o mesmo".
O portavoz do Bloque Nacionalista Galego, Luís Seara, foi o primeiro en empregar a súa quenda de palabra durante a sesión plenaria extraordinaria para falar da querela que Fiscalía interpuxo contra o alcalde.
Seara replicou a Jácome que a fiscal reuniu información durante todo un ano antes de interpola. "Denúnciase a alguén que presuntamente cometeu algún tipo de irregularidade e despois é cando se ve se é constitutiva de ilícito penal", aseverou o edil nacionalista.
"Ou sexa que, segundo iso, se se tarda un ano en presentar unha querela é porque hai base. Miúda frase para a historia", sentenciou Jácome, que insistiu en que se trata de "unha acusación" e "non unha sentenza". "Acusar pódese facer contra calquera persoa, outra cousa é que teña base e esta non a ten", apostilou o rexedor ourensán.
"Eu podo acusalos do que me dea a gana, logo se cadra téñome que ater ás consecuencias, pero acusar pódese acusar do que se considere", dixo o alcalde antes de defender que o que fixo Democracia Ourensá "é absolutamente legal".
"É absolutamente legal e o máis eficaz para o partido, fixémolo, facémolo e seguirémolo facendo", dixo Pérez Jácome, antes de insistir en que a acusación "é falsa" e que entende que "vai quedar en nada".
O pleno deste mércores serviu para toma de posesión do novo edil de Democracia Ourensá Antonio Fernández, que asume o acto que deixou libre Miguel Caride coa súa renuncia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.