Feijóo xa o sabía... Galicia supera os 5.700 novos contaxios Covid nas últimas 24 horas e case 37.000 casos activos

A carga asistencial increméntase lixeiramente, con oito hospitalizados máis na última xornada.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 30/12/2021 | Actualizada ás 11:45

Comparte esta noticia

As cifras de contaxios e infeccións activas de covid-19 en Galicia baten marcas por terceiro día consecutivo. Así, nas últimas 24 horas, Galicia rexistrou 5.718 contaxios, mentres que a cifra de casos activos escala ata os 36.909. Unha cifra que o Sergas xa sabía e que Feijóo xa adiantou hai case un día. A presión hospitalaria tamén se incrementa lixeiramente, con 321 hospitalizados por coronavirus (oito máis). A taxa de positividade por PCR volve a repuntar e alcanza o 23,52%.

No que respecta ás novas infeccións, segundo os datos publicados este xoves pola Consellería de Sanidade --recolleitos ata as 18,00 do mércores--, a cifra de 5.718 implica bater a anterior marca de 4.559 casos deste mesmo mércores, 29 de decembro. De todos os positivos notificados na última xornada, a área de Santiago sitúase á cabeza ao concentrar 1.503 das novas infeccións. Séguenlle a da Coruña, con 1.045; a de Vigo, con 983; a de Pontevedra, con 631; a de Ourense, con 622; a de Lugo, con 619; e pecha Ferrol, con 315.

Tras sumar estas cifras, desde o inicio da crise sanitaria Galicia rexistrou 239.175 contaxiados por coronavirus, das que 53.125 correspóndense coa área de Vigo; 52.425 coa da Coruña; 35.218 á de Santiago; 30.362 coa de Ourense; 28.907 coa de Pontevedra; 24.577 coa de Lugo; e 14.561 coa de Ferrol.

Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde do mércores, a incidencia acumulada de Galicia continúa en ascenso e alcanza os 1.214,74 casos por 100.000 habitantes. En España, esta taxa está nos 1.508,39.

PCR E POSITIVIDADE

Para analizar o ascenso da cifra de contaxios detectados no último día, hai que ter en conta que nas últimas 24 horas analizadas realizáronse 17.417 PCR, que son 2.530 máis que a xornada previa. Desde o inicio da pandemia, o Sergas realizou 3.293.449 destas probas. En canto ao test de antíxenos, na última xornada fixéronse 14.151, 1.120.980 desde que se iniciou a crise sanitaria.

En canto á taxa de positividade en PCR --número de infeccións detectadas cada 100 test--, volveu a subir ata o 23,52, moi por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

SOBEN OS HOSPITALIZADOS

Se se observan as hospitalizacións, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) contabilizaba este mércores ás 18,00 horas, un total de 321 pacientes covid ingresados, oito máis que o día anterior. De todos eles, 271 están en planta (nove máis) e 50 en unidades de coidados intensivos (un menos).

A carga asistencial increméntase en catro das sete áreas. Pontevedra, rexistra 38 hospitalizados en planta (un máis) e 10 en coidados intensivos (sen cambios); a área de Santiago conta con 39 ingresados en unidades convencionais (cinco máis) e catro en UCI (un menos). Tamén aumenta no distrito sanitario de Ourense, onde hai 44 pacientes en planta (seis máis) e sete en UCI (sen cambios) e no de Lugo, onde son 15 os hospitalizados en unidades convencionais (tres máis) e cinco en críticos (sen cambios).

Doutra banda, a presión hospitalaria baixa en dúas das sete áreas sanitarias. Na de Vigo, hai 66 pacientes en planta (cinco menos) e 14 en UCI (sen cambios); mentres que a de Ferrol mantense con dous ingresados en críticos pero conta cun menos en unidades convencionais, 12. A área da Coruña, pola súa banda, non rexistra cambios e mantén a 57 pacientes en unidades convencionais (sete máis) e oito en UCI (dúas máis);

CASOS ACTIVOS

A sexta onda da pandemia da covid-19 en Galicia segue en ascenso. Así, Sanidade notifica este xoves unha nova marca con 36.909 casos activos da enfermidade, tras unha subida de 4.802 nun día. Esta escalada replícase en todas as áreas sanitarias, sen excepcións. A que máis casos activos acumula segue sendo a de Vigo, con 9.345 (+651), seguida da de Santiago con 6.738 (+1.431). Así mesmo, a da Coruña contabiliza 6.638 casos activos (+894) e séguelle a de Pontevedra con 4.993 (+486). A de Ourense ten 3.905 (+498); a de Lugo, 3.149 (+551); e a de Ferrol, 2.141 (+291).

Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press
Varias persoas fan cola para facerse PCR, nun punto móbil de PCR gratuítas no Naútico de Vigo. Marta Vázquez Rodríguez - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta