Temas: PONTEVEDRA ENCE

Traballadores de Ence acusan o Concello de Pontevedra de "roubo" por retirar pancartas contra o alcalde

O goberno local alega que carecían de permiso, non fora comunicada a súa colocación e estaban colocadas na iluminación do Nadal.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 03/01/2022 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

Unha ducia de traballadores de Ence, entre os que se atopaban delegados de Comisións Obreiras, protestaron este luns ante a sede do Concello de Pontevedra polo "roubo" de varias pancartas reinvidicativas.

Varios traballadores de Ence tiran rolos de papel para protestar contra o peche da pasteira de Lourizán, a 11 de agosto de 2021, en Pontevedra
Varios traballadores de Ence tiran rolos de papel para protestar contra o peche da pasteira de Lourizán, a 11 de agosto de 2021, en Pontevedra | Fonte: Beatriz Ciscar - Europa Press.

Segundo explicou o secretario de organización da unión comarcal de Comisións Obreiras, Xosé Luís García Pedrosa, o pasado 29 de decembro foron retiradas polo concello catro pancartas que este sindicato colocara o día anterior denunciando a suposta "represión" do alcalde cara aos traballadores de Ence.

Para García Pedrosa, trátase dunha actuación "antidemocrática" e "contra a liberdade de expresión", e engadiu que as pancartas "son propiedade de Comisións Obreiras" e teñen un custo superior a 400 euros.

"O alcalde de Pontevedra, mediante as persoas que procederon a retiralas, está a cometer un delito de roubo, polo que procederemos a presentar a correspondente denuncia", expresou o sindicalista.

Pedrosa asegurou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, "ten un comportamento propio dun ditador que se considera por enriba do ben e do mal, actuando como un auténtico sátrapa".

Pola súa banda, a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, explicou que as pancartas foron retiradas porque non contaban co permiso correspondente, non se comunicou a súa colocación e, ademais, "estaban en plena iluminación do Nadal durante as festas".

"Imaxinade que todo o mundo puxese as súas pancartas onde lle peta", argumentou. "É como o mundo ao revés, os infractores convértense nos denunciantes", engadiu Gulías.

Temas: PONTEVEDRA ENCE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta