O BNG denuncia en Bruxelas a "presión" de Fomento "para que non se soubese" o informe da UE

Ana Miranda traslada á Comisión Europea "as manipulacións realizadas" polo Ministerio.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 03/01/2022 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea "as manipulacións realizadas" polo Ministerio de Fomento en 2016 respecto da "presión exercida" no Executivo comunitario "para que non se soubese o contido do informe da Axencia de Seguridade Ferroviaria Europea" sobre as causas do accidente de Angrois, no que morreron 80 persoas e máis dun cento resultaron feridas.

Miranda e Pontón, coas vítimas de Angrois, nunha foto de arquivo
Miranda e Pontón, coas vítimas de Angrois, nunha foto de arquivo | Fonte: BNG.

Miranda dá conta disto a través da coalición da que forma parte o Bloque en Europa, despois da información que publican os diarios 'Praza' e 'Infolibre'.

As manipulacións ás que se refire a nacionalista "defendían a versión oficial que culpaba ao maquinista" unicamente, ao contrario do que concluíu a instrución, que suporá que senten no banco tanto o condutor como o ex-xefe de seguridade de Adif.

"Tentaban que a Unión Europea non revelase un informe crítico coa investigación oficial realizada pola CIAF", censura Miranda, quen fala dunha "vulgar manipulación por puro cálculo electoral".

E é que hai "coincidencia no tempo" das "manobras" de Fomento entre maio e xuño de 2016 e as eleccións xerais dese ano.

Nese momento, segundo apunta Ana Miranda, as alegacións do Goberno supuxeron "o atraso do informe durante máis dun ano", algo que equipara aos últimos anos coa pandemia, que "serve de escusa para xustificar o atraso no cumprimento do plan de acción de seguridade ferroviaria que esixe o procedemento de infracción aberto pola Comisión Europea contra o Estado español".

Respecto diso, insiste en preguntar que fará Europa "para que o Goberno español cumpra a normativa europea", co obxectivo de "evitar que volva suceder" outro sinistro de consecuencias "tan graves".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta