O desemprego baixa en 37.003 persoas en Galicia no 2021, ata 152.584, menos que antes da pandemia

O descenso é lixeiramente inferior á baixada media do Estado. Dimunúe en todas as provincias galegas e en todos os sectores.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 10:35

Comparte esta noticia

O número de desempregados rexistrados en Galicia en oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) durante 2021 descendeu en 37.003 persoas (-19,52%), de forma que o total de parados quedou en 152.584, menos que antes da pandemia, segundo datos deste martes do Ministerio de Traballo.

O descenso do desemprego na comunidade galega é lixeiramente inferior á media de baixada en España (-20,12%), ao rexistrar no conxunto do exercicio 782.232 persoas sen traballo menos que en 2020 e superar o total os 3,1 millóns.

Arquivo - Varias persoas con cita previa esperan para entrar nunha oficina do SEPE (antigo INEM). Rober Solsona - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Varias persoas con cita previa esperan para entrar nunha oficina do SEPE (antigo INEM). Rober Solsona - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

En concreto, esta cifra de parados en Galicia que é inferior á que pechou 2019 (165.308), último ano antes da pandemia. Nos últimos 15 anos só se terminou o ano cun nivel similar de parados en 2007 (154.982).

No tocante só ao último mes do ano, o paro baixa en 163 persoas en Galicia en comparación con novembro, un 0,11%, por baixo da media do país (-2,41%).

BAIXA EN TODAS AS PROVINCIAS E SECTORES

Por provincias, A Coruña pecha o ano co maior número de parados (60.891), seguida de preto por Pontevedra (60.101). A máis distancia están Ourense (17.046) e Lugo (14.546).

Hai un descenso xeneralizado, con Lugo con maior diminución relativa (-23,15%), 4.382 parados menos. Despois atópanse: A Coruña (-20,21%), con baixada de 15.420 desempregados; Ourense (-19,66%), 4.172 menos; e Pontevedra (-17,82%), 13.029 menos.

O ano 2021 terminou con 64.743 homes no paro e 87.841 mulleres. Do total de desempregados, os menores de 25 anos son 6.074.

Así mesmo, hai unha diminución do desemprego en todas as ramas de actividade no último ano. O sector servizos queda en 106.532 parados (24.749 menos); a industria conta con 17.071 (3.388 menos); mentres na construción son 11.399 (3.219 menos); e hai 5.738 en agricultura (1.647 menos). Así mesmo, son 11.844 parados sen emprego anterior ao peche de 2021, 4.000 menos que un ano antes.

Pola súa banda, o desemprego afecta a 10.316 estranxeiros na comunidade galega, polo que se trata de 4.441 menos que un ano antes.

Os demandantes de emprego na comunidade galega ao termo de 2021 eran 218.081, 65.598 menos que un ano antes. Do total, 34.491 son ocupados, mentres que 20.116 son demandantes con condicións especiais de traballo, aos que se suman os 163.474 demandantes non ocupados --os 152.584 parados e 10.890 outro non ocupados--.

AUMENTO DA CONTRATACIÓN

No tocante á contratación, Galicia rexistrou 918.214 firmas ao longo de 2021, o que se traduce en 168.997 máis que en 2020 (+22,5%). Con todo, están por baixo dos 1.086.232 contratos de 2019. Do total, só o 9,86% dos contratos que se realizaron en 2021 foron indefinidos (90.573), fronte ao 90,14% de temporais (827.641).

Así, obsérvase un repunte interanual de 21.769 contratos indefinidos (+31,6%). O incremento de contratos temporais é de 147.228 (+21,6%).

Por último, ao lado das prestacións, con datos de novembro --sempre van cun mes de atraso fronte aos datos do paro--, os beneficiarios por desemprego son 86.347, cun gasto de 87,3 millóns de euros --uns 19 millóns menos que un ano antes--.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta