Así serán as cabalgatas de Reis nos municipios galegos

Na súa maior parte serán estáticas, pero tamén as haberá dinámicas como en Ourense, A Coruña e Ferrol.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 10:56

Comparte esta noticia

A pandemia volverá marcar un ano máis o recibimento aos Reis Meigos este mércores, día 5, ao optar boa parte dos municipios por cabalgatas estáticas, con reserva de cita, ou por limitar os actos á recepción ás súas maxestades. Nos menos, elexíronse cabalgatas dinámicas, como o caso da Coruña, Ourense e Ferrol, pero con medidas de seguridade, ou percorridos sen paradas das súas maxestades, como farán outros municipios.

En contra da recomendación da Xunta, na Coruña, será unha cabalgata dinámica. Partirá do mercado de Sardiñeira, ás 18,00 horas, para concluír na praza de María Pita, nun percorrido de dúas horas e media de duración e con control de aforamento na chegada. Serán 15 carrozas, catro trens e 14 compañías artísticas, con 180 figurantes, o 40% da capacidade de carrozas e trens. Irán en grupos burbulla e deberán ter o certificado Covid ou test de antíxenos negativo.

Tamén o será en Ourense. Os Reis chegarán á cidade no novo tren de alta velocidade, ás 17,30 horas. Sairán ás 18,00 horas da estación da Ponte para avanzar pola avenida das Caldas e percorrer toda a rúa do Progreso ata terminar, sobre as 19,15 horas, no xardín do Posío. Finalmente, non haberá a tradicional recepción na Praza Maior.

Recepción aos Reis Meigos no Concello da Coruña. ANDY PEREZ
Recepción aos Reis Meigos no Concello da Coruña. ANDY PEREZ | Fonte: Europa Press

O Concello de Ourense vén de apuntar, tamén, que retransmitirá a súa cabalgata de Reyes por Youtube, que será dinámica como a da Coruña, que insiste no cumprimento da distancia de seguridade e o uso da máscara. 

Tampouco haberá recepción oficial en Ferrol, onde a cabalgata de Reis partirá ás 17,00 horas de Caranza, da rúa Pardo Bazán, preto do colexio La Salle, e terminará fronte ao Teatro Jofre, onde as súas maxestades saudarán desde o balcón, a partir das 20,30 horas. Como en Ourense, percorrerá rúas amplas para evitar aglomeracións. Pola covid, non se distribuirán caramelos e as carrozas non levarán nenos.

Mentres, localidades da área metropolitana coruñesa como Betanzos renunciaron a realizala, mentres que Arteixo suspendeu as cabalgatas que discorren polas parroquias rurais e se reformulou a cabalgata principal do día 5. Os Reis Meigos estarán no campo da festa nun "circuíto seguro" e a través dun sistema de reserva previa.

Noutros da comarca de Ferrol, como en Ortigueira, non haberá recepción real "por motivos de seguridade e para evitar aglomeracións", pero as súas maxestades si farán un percorrido polas rúas do municipio, desde as 18,30 horas, antes de comezar a repartir agasallos polos fogares. No municipio de Narón, haberá unha recepción, no Pazo da Cultura, previa reserva de entradas.

CABALGATAS ESTÁTICAS

Vigo optou, finalmente, por celebrar unha cabalgata estática, entre as 11,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas. Situarase na avenida de Castelao, no barrio de Coia, onde os Reis Meigos repartirán seis toneladas de caramelos. Haberá dous carrís para o acceso con reserva e un terceiro con entrada libre.

Na capital galega, tamén se decidiu anular a tradicional cabalgata en movemento durante a tarde da véspera do día de Reis, polo que as súas maxestades de Oriente recibirán aos nenos e nenas de Santiago no parque de Bonaval. Haberá quenda de mañá (de 11,30 a 13,30 horas) e de tarde (de 16,00 a 22,30 horas).

En Pontevedra, será tamén estática, cos Reis Meigos recibindo as peticións do público infantil na praza de España. As oito carrozas previstas polas rúas instalaranse ao longo do paseo de Montero Ríos e os 26 grupos que acompañarán ás súas Maxestades animarán as rúas.

O mesmo modelo repetirase en Lugo. As nenas e nenos desta cidade poderán visitar aos Magos de Oriente no exterior do Auditorio Municipal Gustavo Freire, en horario de mañá entre as 12 e as 14 horas e pola tarde, entre as 17,30 e as 19,30 horas.

Municipios como Valga, en Pontevedra, e Friol, en Lugo, decidiron suspender a cabalgata. Neste caso, organizarán a visita das súas maxestades por cada vivenda do concello con poboación infantil. En Ribeira, participarán once carrozas, cun percorrido que sairá ás 18,00 horas desde o dique, e no que non haberá caramelos. O número de nenos por carroza reducirase a seis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta