Galicia pecha 2021 con 4.216 traballadores en ERTE vinculados á pandemia

No último día de 2020 había 33.772 persoas en ERTE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/01/2022 | Actualizada ás 12:49

Comparte esta noticia

Galicia pechou o ano 2021 cun total de 4.216 traballadores afectados por un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) vinculados á covid, procedentes dalgunha das modalidades postas en marcha durante a pandemia, segundo os datos publicados este martes polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Esta cifra supón unha caída acusada respecto ao último día de 2020, cando había 33.772 persoas en ERTE na comunidade galega. Ademais dos 4.216 traballadores en ERTE vinculados á covid, actualmente hai outros 1.060 afectados por estes expedientes temporais de regulación que non gardan relación coa pandemia.

De tal forma, os 4.216 traballadores galegos en ERTE covid supoñen o 4,1% do total dos 102.548 existentes en España o último día do 2021. Do total de afectados por ERTE covid en Galicia en decembro de 2021, 1.655 son homes e 2.833, mulleres. Entre os 1.060 traballadores que se atopan en ERTE por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción non relacionadas coa pandemia, hai 778 homes e 282 mulleres.

TRABALLADORES AFECTADOS POR ERTE EN ESPAÑA

En toda España, o número de traballadores protexidos por ERTE procedentes dalgunha das modalidades postas en marcha durante a pandemia pechou o ano 2021 en 102.548, case 520.000 traballadores menos que ao finalizar 2020. Esta cifra supón ademais un descenso de máis de 35.000 traballadores respecto ao pasado 31 de outubro, última data antes de que entrasen en vigor as novas modalidades de ERTE pola pandemia.

Dos 102.548 traballadores en ERTE contabilizados a peche de 2021, un total de 49.685 atopábanse en suspensión parcial e 52.863 en suspensión total. Así mesmo, da cifra total de traballadores protexidos, hai 76.259 con dereito a formación. O Goberno aprobou a finais de setembro a prórroga dos ERTE ata o 28 de febreiro de 2022, pondo o foco neste aspecto, de forma que as empresas que formen aos seus traballadores en ERTE obterán maiores exoneracións nas súas cotas que as que non o fagan.

Segundo o Ministerio, practicamente todas as empresas declararon xa se realizarán ou non programas formativos. Dos comunicados ata agora, 30.251 traballadores veranse beneficiados por algún deles e, por tanto, as súas empresas recibirán exoneracións de cotas. Estes 30.000 traballadores supoñen só o 40% dos que teñen dereito a recibir formación.

Por sectores, os traballadores en ERTE seguen mantendo unha importante concentración sectorial nas actividades relacionadas coa hostalaría e o turismo. Os servizos de comida e bebidas (hostalaría) son os que máis traballadores tiñan en ERTE ao finalizar decembro, con 20.242 afectados, seguido polos servizos de aloxamento (15.049), e as axencias de viaxes (11.358).

En relación ás súas cifras de afiliados, as actividades con maior porcentaxe de traballadores en ERTE son as axencias de viaxes e operadores turísticos (32% do total dos seus afiliados) e o transporte aéreo (10%).

A Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press
A Sala Pelícano durante a realización dunha proba piloto da reapertura do lecer nocturno, a 12 de xuño de 2021, na Coruña, Galicia, (España).. M. Dylan - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta