Benqueridos Magos...

Pido saúde. Pero saúde ligada ao compromiso. Ou a compromisos, en plural. Aos de todas e todos. Aos compromisos individuais e aos colectivos. Ao compromiso de país, de modelo de sociedade e de entender que os servizos sociais básicos non son obxecto de mercadoría.

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 05/01/2022

Comparte esta noticia

Déixenme que lles felicite o Aninovo, que non falamos desde o ano pasado. Pero ese tempo xa é historia. Agora, aberta a espita do novo 2022, o que toca é facer que polos seus camiños a vida discorra o mellor posible. E aí andamos, con moitas teimas, algunhas incertezas, un chisco de esperanza e alegría e optimismo dabondo para non perder todos os folgos nas reviravoltas do cotiá.

E, no principio do ano, andamos coa visita dos Magos do Oriente, segundo a tradición. Ou do Apalpador ou o Pandigueiro en Trives, en clave galega, aínda que este persoeiro é máis propio das noites do 24 e 31 de decembro. A cousa é que uns e outros, xunto co foráneo Papa Noel ou Santa Claus, ou mesmo o Olentzero éuscaro ou o Tió de Cataluña, Occitania e parte de Aragón, representan hoxe ese papel de traer agasallos aos nenos polo Nadal.

Eu, aínda que sigo sendo moi de xoguetes tales como os trens eléctricos -verdadeiras marabillas controladas dixitalmente e cun nivel de detalle altísimo- ou algún mecano, xa hai anos que aos Reis Magos lles pido desas cousas intanxibles e importantes, sen as cales a vida é verdadeiramente moito peor. E este ano, como outros moitos dos meus conxéneres, apunteime a pedirlles saúde, sen máis. Xa o fixera máis veces, pero máis en xenérico, xa saben. Iso de ter saúde como forma de poder desfrutar do feito de estarmos vivos. Non, nesta ocasión pídolles esa saúde que nos afecta e da que somos arte e parte. Déixenme que, mirando ao mar, me explique.

O feito é que lles pedín saúde convertida nunha xestión eficiente e valente da mesma, suficiente e sostible. Pedinlles recursos, traducidos en máis profesionais. E, en particular, que sexamos quen de recuperar a tantos dos galegos e galegas do sector que un día tiveron que emigrar e facer a súa carreira profesional mesmo en Portugal, no Reino Unido ou noutros lugares. Pedinlles tamén visión estratéxica e un verdadeiro pacto social por esta materia que, ao igual que no eido educativo, é importante para garantir o longo prazo máis alá do xogo político, dos bandazos ou das lerias entre uns e outros cando lles toca pisar moqueta. Pedín compromiso ao conxunto da sociedade e, sobre todo, a quen está no eido do servizo público. Porque o da saúde é un terreo no que non cómpren as cousas mal feitas.

Pedinlles tamén que o conxunto da sociedade sexa consciente dos seus deberes, ademais dos seus dereitos. E que, así, haxa pouco espazo -na situación de pandemia na que vivimos- para “negacionismos” e tolemias varias. Pedín que a xente, alén dos comprensibles cansazos e esgotamentos, sexa rigorosa na aplicación xa non da norma, senón tamén dunha autorregulación necesaria e moi importante. É que non se trata de andarmos camiñando polo gume da navalla a ver ata onde podo “despendolarme” hoxe ou non. Non. Trátase de comprender que, en situacións de emerxencia sanitaria, ou traballamos todos arreo para afastar a ameaza do virus, ou non apañaremos máis que sufrimento, enfermidade e morte. E iso implica asumir que hai que facer as cousas de forma diferente ao que máis nos poida gostar ou interesar.

A saúde é cousa de todos. Dos profesionais, por suposto. Dos planificadores e xestores públicos, tamén. Pero tamén da sociedade enteira. Se esta non se involucra nunha cultura colectiva de contención e construción cívica, imos mal. Se uns poucos pasan de todo, teremos todos problemas. E se a norma é obxecto de non cumprimento, teremos moito máis difícil a situación sanitaria, pero tamén a social e por suposto a convivencia. Por iso é importante explicarlle a quen non entende que, fronte as dificultades derivadas da pandemia causada polo SARS-CoV-2, é importante que todos esteamos á altura. Se non é así, da nada servirá o coidado e a contención de moitos outros. Aínda que os non cumpridores sexan unha minoría.

Xa ven, pido saúde. Pero saúde ligada ao compromiso. Ou a compromisos, en plural. Aos de todas e todos. Aos compromisos individuais e aos colectivos. Ao compromiso de país, de modelo de sociedade e de entender que os servizos sociais básicos non son obxecto de mercadoría. Son servizos sociais básicos e nada máis, queridos e protexidos polo conxunto da sociedade, de forma consciente e soberana.

jl_quintela_j@telefonica.net       Da sección: “Mirando ao mar”
 

Un neno escribindo unha carta aos Reis
Un neno escribindo unha carta aos Reis | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.