O BNG reclama no Congreso "igualdade de dereitos" para os usuarios no acceso a tarifas de compañías telefónicas

Néstor Rego advirte que só o 9% dos concellos galegos están incluídos na chamada 'zona libre'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/01/2022 | Actualizada ás 14:24

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou iniciativas para reclamar ao Goberno estatal que tome medidas para "garantir a igualdade de dereitos das persoas consumidoras e usuarias das compañías telefónicas". Segundo explican, a regulación tarifaria actual imposta pola CNMC "impide" o acceso ás ofertas máis competitivas nas zonas reguladas que obriga, en moitas ocasións, a acollerse aos paquetes máis caros das compañías que operan nese territorio.

A Comisión dos Mercados e a Competencia (CNMC) estableceu en outubro de 2021 unha distribución dos concellos de todo o Estado en dúas zonas diferenciadas segundo o servizo que prestan as operadoras telefónicas.

Así, por unha banda, estaría a denominada 'zona libre', composta por 696 municipios, na que se poden atopar tres redes de banda ultra-ancha, "entendendo que se garante suficientemente a competencia e deixando ás compañías total flexibilidade para a configuración das súas ofertas e prezos".

Doutra banda, fixouse a chamada 'zona regulada', na que se atopan o resto de municipios e que "só conta cunha ou dúas operadoras, polo que se considera que as tarifas teñen que estar supervisadas pola CNMC". Nestas zonas, establécense determinadas restricións para configurar a oferta comercial por parte das compañías.

"Esta supervisión debería garantir que as operadoras non abusen da súa condición de case monopolio no mercado para establecer tarifas excesivamente altas ou afastadas do prezo normal do mercado. Con todo, a regulación, o que está a impedir é ofertar nos municipios da 'zona regulada' as tarifas máis accesibles ou económicas", explicou Rego.

É dicir, indica Rego, "a regulación obriga aos usuarios a contratar os paquetes ou ofertas de prezo máis elevado, e impídese o acceso aos paquetes ou contratos máis vantaxosos, polo que non se garante desde a CNMC iguais condicións de acceso aos consumidores".

"Dos 313 concellos existentes en Galicia, só o 9% dos municipios están incluídos na chamada 'zona libre', mentres que ao resto de galegos e galegas impídeselles contratar as mellores ofertas das distintas operadoras", denunciou o deputado nacionalista.

"Trátase dunha interpretación perversa da regulación. É un sen sentido que o organismo que se encarga de promover e defender o bo funcionamento dos mercados en interese dos consumidores non estea a asegurar a competencia efectiva no mercado nin o dereito das persoas consumidoras", acusou Rego.

Ames, Arteixo, Barbadás, Betanzos, Boiro, Cambados, Cambre, Cangas, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, O Grove, Lugo, Moaña, Narón, Oleiros, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Sada, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Vigo e Vilagarcía de Arousa son os concellos galegos que se atopan dentro da 'zona libre'. "Ao resto impídeselles contratar as mellores ofertas das distintas operadoras", insistiu.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. BNG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non sei de que fala o Rego... Na "zona libre" recibes unha carta anunciándote que o vindeiro recibo subirá 3 € pola cara ! Basta unha carta para subir prezos sen que mellore o servizo ? Na zona libre nin paquetes nin ostias ! A tarifa básica pasa de 55 € a 58 e a vivir que son dous días... Dende que temos Ministro de Consumo as cousas melloraron de carallo, para todas as multinacionais ! Nunca viviron tan ben as Compañías Electricas, Telecomunicacións, Augas, Residuos, etc.