Unha cuarta parte dos nenos convocados o martes para vacinarse contra a covid-19 non acudiu á cita

Foron uns 18.500 menores vacinados dos 24.360 citados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/01/2022 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

Case un 76 por cento dos nenos de sete a nove anos convocados para recibir a dose pediátrica fronte á Covid-19 este pasado martes, 4 de xaneiro, en Galicia acudiron á cita. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, recibiron este martes pasado a dose pediátrica uns 18.500 menores dos 24.360 citados, o que supón un 75,94 por cento de asistencia. Deste xeito, case 6.000 cativos, unha cuarta parte do total, non recibiron a dose.

Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19
Varios nenos acompañados, á súa chegada ao recinto feiral Expourense para ser vacinados contra a Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

A vacinación de nenos de 11 a 5 anos arrincou o 15 de decembro, tras a chegada a Galicia das primeiras 60.000 doses para esta poboación, e retomouse este martes, 4 de xaneiro, despois da recepción doutras 36.000 vacinas.

Este mércores seguiu a inmunización da poboación pediátrica en xornada matutina e está previsto que se retome a partir do próximo martes día 11 pola tarde despois de que Galicia reciba unha nova remesa de vacinas.

Sanidade empezou este martes a administrar 36.271 doses contra a Covid-19 a poboación con idades entre os sete e nove anos tras recibir Galicia unha nova partida de vacinas por parte do Ministerio de Sanidade. Con esta remesa prevé que se chegue a inmunizar os menores nados ata mediados do ano 2014, "variando o último mes de citación segundo as diferentes áreas sanitarias", puntualizou.

En concreto, segundo os datos facilitados pola Consellería, na área sanitaria de Vigo estaba previsto vacinar a 8.280 menores desa franxa de idade; a 7.920 na da Coruña e Cee; a 6.120 na de Santiago e Barbanza; a 4.320 na de Pontevedra e O Salnés; a 3.960 na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; a 3.512 na de Ourense, Verín e O Barco; e a 2.159 na de Ferrol.

A Consellería de Sanidade indicou que se continuará coa citación de menores en idade pediátrica durante os "próximos días de acordo á chegada de vacinas prevista".

De feito, a Xunta ten previsto recibir outras 36.000 doses o día 10 de xaneiro para inocular a menores desde o vindeiro martes. Con este plan, a previsión é que a mediados de xaneiro teña a primeira dose da vacina contra o coronavirus máis do 90% de nenos de entre 5 e 11 anos.

Sanidade puntualizou que seguirá, ademais, con repescas, coa convocatoria daqueles menores que, por diferentes motivos como estar infectados pola Covid-19, non puideron acudir á cita concertada inicialmente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta