Excarcerado un condutor tras saírse da vía en Cualedro e outros dous feridos na A-52, en Ourense

Os dous feridos foron evacuados a un centro hospitalario a consecuencia do impacto entre un turismo e un camión.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/01/2022 | Actualizada ás 10:19

Comparte esta noticia

Unha persoa resultou ferida, e tivo que ser excarcerada, despois de saírse da vía o turismo que conducía ao seu paso polo concello ourensán de Cualedro.

O accidente ocorreu ao redor da medianoite. Segundo a información facilitada ao 112 Galicia por unha testemuña do suceso, o turismo sufriu unha saída de vía mentres circulaba pola OU-1018, á altura do punto quilométrico 1. O condutor necesitaba axuda tras quedar atrapado no interior do vehículo.

Os xestores do 112 alertaron aos profesionais sanitarios e aos Bombeiros de Verín. Estes últimos, tiveron que facer uso do material de excarceración para liberar á persoa ferida. Ata o punto tamén se desprazaron os axentes da Garda Civil de Tráfico e os membros de Protección Civil de Cualedro-Monterrei.

Unha vez finalizadas os labores de excarceración, o único ocupante do turismo foi evacuado polo equipo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 ao Hospital de Verín.

DOUS FERIDOS NA A-52

Por outra banda, dúas persoas foron evacuadas a un centro hospitalario a consecuencia do impacto entre un turismo e un camión. O accidente tivo lugar ás 20,15 horas no concello de Melón, en Ourense, e o 112 tivo coñecemento dos feitos tras recibir a alerta dun particular.

De acordo co seu relato, a colisión ocorreu na A-52, sentido Vigo, á altura do punto quilométrico 262. Do accidente, deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos membros do GES de Ribadavia.

Ademais, para efectuar a limpeza dos restos producidos polo accidente, desde o 112 solicitouse a intervención dos axentes da Garda Civil de Tráfico e do servizo de mantemento da estrada. Os efectivos de Protección Civil da localidade tamén foron informados, por se fose necesaria a súa colaboración.

Ambulancia do 061
Ambulancia do 061 | Fonte: 061-GALICIA.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta