Denuncian que persoal das empresas de transporte escolar "non sabe se ten que presentarse" a traballar o luns

A CIG responsabiliza á Xunta da situación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 18:32

Comparte esta noticia

A CIG denunciou que "boa parte" dos empregados das empresas adxudicatarias do servizo de transporte escolar "non saben se teñen que presentarse" no seu posto de traballo o vindeiro luns (día no que se reinicia o curso) porque as compañías "aínda non teñen subrogado o persoal".

Nun comunicado remitido aos medios este venres, a central nacionalista demanda ao Goberno galego que "resolva de inmediato" esta cuestión e proceda ao "rescate" dos contratos daquelas empresas que "non cumpran o requisito legal de facerse cargo" de condutores e acompañantes nos seus persoais.

O responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, explica que o pasado 21 de decembro concluíu o anterior serivcio de transporte escolar. O día seguinte, o 22 de decembro, deberían comezar "o 80% dos novos contratos" pero, continúa a CIG, a Consellería de Educación enviou escritos ás empresas nos que comunicaba que se atrasaba ao 10 de xaneiro, data na que se reinician as clases.

Ante isto, Pastoriza sinala que condutores e acompañantes, dados de baixa a finais de decembro, "aínda non saben se van comezar este luns" porque "nin os deron de baixa, nin os subrogaron, nin se puxeron en contacto con eles".

A CIG responsabiliza á Xunta da situación que, segundo o sindicato, é "peor" para os acompañantes. "Temémonos que moitas poidan quedar na rúa, algo inaceptable nun colectivo precarizado integrado na súa maioría por mulleres con contratos temporais e a tempo parcial", incide a central.

Por tanto, insta á Administración autonómica a "facer cumprir a lei" para evitar "que os traballadores sexan unha vez máis os prexudicados", xa que, segundo resaltan, "non teñen dereito a paro porque non foron despedidos, senón que lles deron de baixa á espera da subrogación".

Arquivo - transporte escolar. GARDA CIVIL - Arquivo
Arquivo - transporte escolar. GARDA CIVIL - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta