Os orzamentos de Santiago ascenden a máis de 130 millóns de euros, un 4% máis que o ano anterior

Coidar aos sectores afectados pola covid, apoio aos desfavorecidos e o rural; claves das contas para o goberno local.

Por Europa Press / Redacción | COMPOSTELA | 07/01/2022 | Actualizada ás 19:17

Comparte esta noticia

Os orzamentos do Concello de Santiago para este ano 2022 aumentan un 4% resepcto ao pasado ano ata alcanzar os 130 millóns de euros, nos que haberá un peso específico para axudas aos sectores máis prexudicados polo covid, como o comercio, o turismo e a hostalaría. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Economía e Facenda, María Abal, presentaron este venres o borrador dos orzamentos para o 2022, cualificados polo rexedor como "dignos" e "absolutamente imprescindibles".

Os orzamentos, segundo o rexedor, destacan en tres puntos. En primeiro lugar, as partidas destinadas a "seguir apoiando aos sectores máis prexudicados polo covid: comercio, hostalaría e turismo".

Bugallo tamén resaltou o incremento do gasto pola posta en marcha de novos servizos, como o de parques e xardíns, o Servizo de Axuda no Fogar e os contratos de limpeza e recollida de lixo e o transporte público; o que, segundo o alcalde, supón unha "aposta moi grande pola dotación de mellores servizos á cidade".

Por último, o goberno local incide no investimento proxectado para os barrios e nos "sectores sociais máis desfavorecidos", así como o incremento do gasto en accións no rural, que sobe un 45% ata os 3,5 millóns de euros.Desas partidas, 841.000 euros destinaranse ao saneamento e 1 millón de euros ao mantemento das estradas, que se sumará aos 750.000 euros previstos no contrario ordinario de mantemento.

PARTIDAS "INTERESE SOCIAL"

Dentro da partida de orzamentos, o alcalde resaltou varios puntos que teñen un "gran interese social", como a dotación de orzamento para apoiar os proxectos europeos concedidos ao concello con máis de 750.000 euros e o Plan de Sustentabilidade Turística por valor de 700.000 euros.

Ademais, atópanse a mellora das instalacións deportivas do concello (1 millón de euros), a renovación da cuberta do pavillón do CEIP Quiroga Palacios (420.000 euros), así como diferentes intervencións nos barrios.

Así mesmo, destínanse 520.000 euros para o acondicionamento dun novo edificio para o parque de bombeiros, o que supón o 20% do total, e 544.809 euros para a adquisición de novo equipamento para os profesionais.

ACORDOS

O goberno local xa conta co apoio de Compostela Aberta (CA) para sacar adealnte as contas pero non descarta tentar sumar máis apoios. "Canto maior nivel de consenso, mellor", sinalou Bugallo sobre o hipotético acordo co BNG. Por iso, avanzou que se falará tanto co BNG como "co propio Partido Popular", xa que considera que o mellor sería "facer un acordo unánime" para aprobar os orzamentos.

Con todo, nunha carta enviada ao alcalde, o portavoz do Grupo Popular, Alejandro Sánchez, manifestou que "para poder avanzar no camiño do diálogo" sería "fundamental" que facilitase "a transparencia do gasto público previsto" co fin de "depurar gastos ineficientes, pouco equitativos ou de escasa utilidade". O alcalde admitiu que estes son uns orzamentos que "non dan resposta á totalidade dos problemas expostos" porque "non hai recursos económicos para facelo", pero si dan unha resposta para "moitas" das demandas que se recibiron.

Ante algunhas acusacións de que se vaian a asumir propostas "radicais" polo acordo con CA, o alcalde dixo que esa valoración lle parece "desorbitada e que non ten nada que ver coa realidade". Considera que o acordo con CA é "moi positivo para a cidade" e lembrou que os orzamentos participativos, punto polémico xunto co programa de canguros, xa se atopaban na proposta que fixeron, polo que "aínda que non houbese acordo, habería presupostos participativos".

Manifestou que nunca estivo en contra dos orzamentos participativos, pero que o que "cuestionaban" do mandato anterior é que non lle parecían "operativos tal e como estaban expostos". Por iso, destinouse unha parte dos orzamentos para ver se "son capaces" de articular un procedemento que "poida ser máis efectivo".

"ABSOLUTAMENTE IMPRESCINDIBLE"

Bugallo manifestou que é "absolutamente imprescindible" que se aproben os orzamentos xa que, pola contra, suporía un problema con respecto aos fondos europeos, a contratación de novos servizos, así como teríase que renunciar aos investimentos.

O rexedor que "é un orzamento que responde as necesidades da cidade" e que o seu obxectivo é "sacalo adiante". No caso de que non se chegar a un acordo teríase que recorrer a un "mecanismo extraordinario", algo que xa sucedeu en 2021, cando as contas foron sometidas a unha moción de confianza superada polo alcalde.

A previsión é aprobar os orzamentos "a finais de xaneiro ou principios de febreiro" e que, unha vez aprobados os orzamentos do Auditorio de Galicia e Mercagalicia, teríase que facer o mesmo con Tussa e Incolsa.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, presentan os orzamentos para 2022. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, presentan os orzamentos para 2022. CONCELLO DE SANTIAGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta