Denuncian que a Xunta "esqueceu" publicar información vital sobre varios proxectos eólicos

Petón do Lobo asegura que estes documentos son básicos para que as asociacións poidan presentar alegacións aos parques. Destacan tamén que, en varios casos, a Xunta seguiu adiante coa tramitación dos proxectos "ignorando a vulneración de dereitos" acontecida: "a falta de información pública benefíciaos", destacan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/01/2022 | Actualizada ás 12:38

Comparte esta noticia

Nova denuncia sobre un caso de aparente incumprimento da legalidade por parte da Xunta de Galicia no tocante á avalancha eólica. A plataforma Petón do Lobo vén de apuntar que a administración autonómica "esqueceu" permitir o acceso a un documento chave na tramitación dunha liña de alta tensión vencellada ao parque eólica Paxareiras II, situado no Concello de Dumbría.

Parque eólico de Greenalia en Vimianzo
Parque eólico de Greenalia en Vimianzo | Fonte: Greenalia.

A legalidade vixente obriga a dispoñer publicamente, nun prazo, unha serie de documentos relativos á tramitación destes proxectos para garantir a transparencia dos mesmos de cara á cidadanía. Acontece que, no caso de Paxareiras II, dispoñible ata o 17 de xaneiro, o documento da Avaliación de Impacto Ambiental non foi exposto no DOG.

Dende a asociación non descartan que se trate dun equívoco, xa que o documento EIA si aparece listado na enumeración de escritos que serían publicados. Con todo, Petón do Lobo asegura que "non se trata dun caso illado" e que a Xunta "está a verse beneficiada da falla de información pública" no tocante á cuestión eólica, xa que, segundo apuntan, "o feito de impedir o acceso a información restrinxe a presentación de alegacións e a oposición a proxectos industriais eólicos máis que controvertidos".

No caso do Paxareiras II, a falta de acceso a esta peza impediu ás asociacións veciñais e medioambientais presentar alegacións ao mesmo, un recurso que se está a empregar de forma masiva na avalancha eólica galega.  Por iso fixeron chegar xa "diversas queixas e reclamacións" ante o Xefe Territorial da Coruña, Isidoro Martínez Arca, reclamando o reinicio do cómputo dos prazos para presentar as alegacións ao proxecto.

OUTROS CASOS

Á parte, dende Petón do Lobo insisten en que hai máis casos nos que a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación esqueceu subir á páxina de transparencia os escritos relativos a proxectos eólicos. Así sucedeu cos parques de Valdepereira e Pico Seco, ambos da promotora Aerogeneración Galicia, S.L., que, segundo explican demoraron ata sete días despois de que a información fora publicada o acceso á mesma.

"A pesar dos escritos de queixa presentados e a petición de reinicio do cómputo dos prazos a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais obviou o problema e continúa coa tramitación dos expedientes, a sabendas da vulneración de dereitos", destacan dende a asociación, que inciden na transparencia da información administrativa como "un imperativo do principio de publicidade e transparencia nunha sociedade democrática" de acordo co Consello de Europa ou o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta