A Federación Galega de Comercio lamenta que as rebaixas "perderon forza" dende a súa desregulación

José María Seijas reclama de novo ao Goberno fixar unhas datas para os descontos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2022 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

O presidente da Federación Galega do Comercio, José María Seijas, lamenta que as rebaixas "perderon a forza" que tiñan antes da súa desregulación en 2012. De feito, asegura que "a xente está a comprar cousas que lle faltaban" porque o sector leva de rebaixas "desde o mes de novembro, cos mesmos carteis e cos mesmos descontos".

A todo isto suma "a inflación" ou "o incremento dos prezos na enerxía, na luz". "Iso tamén afecta, porque a xente se mide tamén moito á hora de comprar", engade. Neste contexto, Seijas aproveita para volver reclamar ao Goberno central que "fixe unhas datas" para estes descontos, deixando caer que "se cadra" habería que modificalas, porque "os tempos cambiaron e igualmente cambiaron os hábitos dos consumidores".

"Hai que concretar unhas datas de rebaixas que sexan coñecidas para os consumidores e para os comerciantes, e que haxa unha orde. Neste momento, nin comerciantes nin consumidores saben cando é o mellor momento para comprar", apunta.

En canto á facturación nestas rebaixas, o presidente da Federación Galega de Comercio di que é "aventurado" dar unha cifra, aínda que no entanto desliza que poden ser "mellores" que en 2019. "Con iso dariámonos por satisfeitos", conclúe.

Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.. EUROPA PRESS - Arquivo
Presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta