Pedro Puy confía en alcanzar "un alto grao de consenso" na comisión sobre financiamento autonómico

Ve o sistema de Educación para a cobertura de baixas entre o profesorado e a vacinación como claves para un reinicio de curso "seguro".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2022 | Actualizada ás 17:57

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, espera alcanzar "un alto grao de consenso" entre as formacións políticas na comisión sobre a reforma do modelo de financiamento autonómico que bota a andar este martes na Cámara autonómica.

Nunha rolda de prensa celebrada no Pazo do Hórreo este luns, Puy incidiu na importancia de que a proposta que salga desta comisión de estudo na que participarán distintos expertos teña unha "perspectiva xenérica" para o conxunto das comunidades pero "tendo en conta cales son as necesidades de Galicia".

O portavoz popular lembrou que algunhas cuestións "específicas" que Galicia necesita do novo marco de financiamento xa suscitaron "consensos" dentro do Parlamento autonómico, como a "nivelación" da "totalidade" dos servizos públicos ou a adecuación aos custos en función do territorio, que espera que se repitan na comisión.

Así pois, a reforma do sistema de financiamento será un das frontes nos que se centrará a tarefa parlamentaria do grupo maioritario na Cámara galega, que tamén quere pór o foco na negativa do Goberno a estender a este as exencións fiscais para os investimentos asociados ao Xacobeo ou a situación en Alcoa.

Sobre isto último, Pedro Puy mostrou a súa comprensión polo 'si' dos traballadores da factoría da multinacional en San Cibrao ao plan da compañía, aínda que considera preocupante que o parón acordado para os próximos anos poida supor o peche definitivo da planta.

Outro dos temas nos que o PP galego traerá ao debate parlamentario será a tramitación dos fondos Next Generation. "Levamos tempo denunciando o atraso na tramitación dos fondos europeos, que teñen que ser decisivos para o inicio da transformación económica, unha mellor sustentabilidade ambiental e a modernización e dixitalización do tecido produtivo", sinalou Puy.

REINICIO DE CURSO

Por outra banda, o portavoz popular defendeu que se produciu un reinicio do curso escolar "sen alteracións" grazas, segundo Puy, ao sistema de cobertura de baixas entre o profesorado da Consellería de Educación e o alto grao de vacinación entre o alumnado galego.

Ademais, a preguntas dos medios, Pedro Puy volveu a subliñar que os problemas de Galicia en ámbitos sanitarios como a atención primaria son comúns a "outras comunidades autónomas e mesmo países" e que a eles se enfronta a Xunta "coas limitacións que ten".

"Se é tan fácil resolver estes problemas, como é que non se lle ocorreu a ningunha comunidade autónoma", preguntouse o portavoz popular.

Pedro Puy (PP) en rolda de prensa. PP
Pedro Puy (PP) en rolda de prensa. PP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta