Tamaño, endebedamento ou exportacións, os factores que determinan a supervivencia da empresa galega

O estudo analizou unha mostra aleatoria de 5.000 compañías entre os anos 2008 e 2012.

Por E.P. | VIGO | 10/01/2022 | Actualizada ás 18:18

Comparte esta noticia

Tamaño, endebedamento, solvencia e exportacións son os principais factores que determinan a supervivencia da empresa galega, segundo se desprende das conclusións da tese doutoral de Manuel Meixide Veciño, investigador que analizou unha mostra aleatoria de 5.000 compañías entre os anos 2008 e 2012.

Tal como indica o Diario da Universidade de Vigo (Duvi), cinco anos investiu Manuel Ángel Meixide Vecino para terminar a súa tese doutoral centrada en "un tema que coñecía desde a práctica diaria no seu traballo no sistema financeiro", tal como indicou o economista.

Dirixida por Antonio Vaamonde Liste, esta tese é o primeiro estudo "amplo" que se fixo sobre a supervivencia das empresas galegas. "Analizo unha época de crise profunda, non unha situación normal da economía. Ese é un estudo que está por facer", indicou o investigador, que durante 15 anos foi profesor asociado da UVigo.

Segundo el, os factores que determinan a supervivencia da empresa galega poden ser similares aos que afectan noutras comunidades ou países, "pero na literatura científica aparecen factores como rendibilidade ou produtividade, que non son significativos en Galicia no período considerado".

A IMPORTANCIA DO TAMAÑO DA EMPRESA

En concreto, o tamaño das empresas colle importancia desde o principio, polo que, a xuízo do investigador, é vital buscar que as firmas dispoñan do maior tamaño posible desde os seus inicios para que a posibilidade de supervivencia sexa maior.

"Ao longo da vida da compañía, o tamaño segue importando. Conseguir que as empresas teñan unha maior dimensión debe ser un obxectivo, mediante fusións ou adquisicións, ou políticas de I+D que aumenten a produtividade e o volume de vendas", detalla o economista. Con todo, isto "non é unha boa noticia", xa que máis do 95% do tecido empresarial galego está composto por microempresas.

Así mesmo, un maior nivel de endebedamento aumenta o risco de desaparición. O terceiro factor é a solvencia. O risco de desaparecer dunha empresa con solvencia alta é un 42,32% menor en relación cunha compañía con solvencia baixa.

Pola súa banda, as empresas exportadores adoitan manterse no mercado con máis facilidade, xa que non depender dun único mercado axuda á súa subsistencia.

Imaxe dunha oficina dunha empresa.. UVIGO
Imaxe dunha oficina dunha empresa.. UVIGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta